Informe de Conxuntura Económica da provincia da Coruña

Descargar o documento "Informe de Conxuntura Económica da provincia da Coruña"
Ano de publicación:2024

O Informe de Conxuntura Económica conclúe que a comarca de Santiago é unha das máis dinámicas da provincia

19/01/2024 O documento publicado polo Club Financeiro de Santiago, que foi presentado esta mañá no Pazo de Raxoi, mostra unha mellora xeralizada dos principais indicadores económicos. Goretti Sanmartín salientou os bos datos do mercado de traballo en Santiago, que a converten na cidade galega con menor taxa de paro. A comarca gaña poboación e reforza o seu peso relativo en relación coa poboación da comunidade.O Informe de Conxuntura Económica (ICE) é un documento editado polo Club Financeiro de Santiago en que se realiza unha radiografía completa da realidade económica da provincia coruñesa, tanto a nivel comarcal como municipal. Esta mañá presentouse no Concello de Santiago nun acto en que se puxeron en valor os datos da capital galega e da súa área e que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e do presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira, acompañados polo equipo de persoas expertas que elaboraron o informe; economistas e profesorado da Universidade de Santiago de Compostela: David Rodríguez, Emilia Vázquez e Maite Cancelo, profesores de Economía Cuantitativa; María Bastida, profesora de Organización de Empresas e Comercialización e Miguel Anxo Vázquez Taín, profesor de Facenda Pública e Sistemas Fiscais.

O documento estrutúrase en cinco bloques: territorio e recursos naturais (núcleos de poboación, densidade, catastro…), poboación (movementos migratorios, condicións de vida…), mercado de traballo (paro, contratacións, pensións…), estrutura produtiva (PIB, sectores produtivos, demografía empresarial…) e sector público (facendas locais, gastos e ingresos municipais…).

Goretti Sanmartín salientou a importancia de contar coa análise duns datos que “sexan ou punto de partida para intensificar a colaboración entre administracións, tecido comercial, cultural, turístico e industrial para aplicar medidas conxuntas que favorezan ou desenvolvemento socioeconómico de Santiago de Compostela e que contribúan tamén a recuperar ou orgullo e a posición como capital de Galiza, porque se os datos son bos para a veciñanza de Santiago serán bos para o conxunto do país”. A alcaldesa de Compostela tamén destacou que “a información do mercado de traballo xa que no terceiro trimestre do 2023, Santiago foi a cidade galega con menor taxa de paro, situada nun 4,4 % e cun 57,7 % de taxa de ocupación cando no conxunto de Galiza a taxa de paro está no 9,3 % e nun 53,6 % a taxa de ocupación”.

Pola súa parte, o presidente do CFS, Roberto Pereira, indicou que “o ICE se elabora con cifras anuais desde 2016 ata 2022 e a súa análise conforma unha importante biblioteca que facilita o estudo da evolución dos datos económicos da provincia. Os informes están todos dispoñibles para a súa consulta gratuíta no apartado de ‘Proxectos’ da páxina web do Club Financeiro de Santiago”. O documento está patrocinado pola Deputación da Coruña.

Santiago concentra o 15 % da poboación da provincia

A provincia da Coruña caracterízase pola súa extensa superficie que abarca case un 27 % do territorio galego. En 2022, concentrou preto do 42 % da poboación da comunidade, con 1.119.180 habitantes. A comarca conta con 529 núcleos poboacionais, un 13 % dos da provincia e o 5 % do total de Galicia. A densidade da poboación comarcal é de 248,7 hbs/km2 polo que duplica a media provincial. A maior densidade é a da capital (448,6 hab/km2), seguida de Ames (405,5 hab/km2) e Teo (240 hab/km2). A menor densidade rexístrase en Val do Dubra, Boqueixón e Vedra.

Desde o 2010 ao 2023 a comarca de Santiago veu incrementada en case un 6 % a súa densidade de poboación, unha tendencia contraria á que mostran os datos da provincia e de Galicia, que reduce densidade.

Galicia e A Coruña recuperan poboación en 2023 e a provincia mantén o seu peso relativo até o 42 % da poboación galega. Gañan poboación A Coruña e Santiago (crecemento medio de 0,3 % e 0,4 % anual). Son 15.000 habitantes máis na comarca e 9.381 na santiaguesa.

No ano 2023 a ganancia de 1.037 habitantes na comarca vén polos 508 empadroamentos en Compostela, 387 en Ames, 116 en Teo, 76 en Brión e 14 en Vedra. Perderon poboación Boqueixón e Val do Dubra.

No período 2010-2023, Ames é o concello da comarca con maior incremento de poboación, cun crecemento medio anual do 1,2 %. Santiago presenta un crecemento medio de 0,3 %, por baixo de concellos como Brión (0,8 %) ou Teo (0,5 %).

O envellecemento poboacional segue sendo unha tendencia na provincia aínda que Santiago é a comarca menos envellecida. En 2010 as persoas menores de 16 anos na comarca supuñan un 13,8 % mentres que en 2022 chegan ao 14 %. Santiago, cun 13,3 % de poboación menor de 16, sitúase por baixo da media comarcal, pero por encima da provincial. Ames é o que conta con maior porcentaxe de xente nova, un 16,9 % menor de 16 anos.

Se falamos de maiores, un 21,5 % da poboación da comarca ten máis de 65 anos. De novo Santiago, cun 23,3 % ten unha porcentaxe superior á media comarcal pero inferior á provincial.

En poboación, a comarca de Santiago é unha das máis dinámicas da provincia, grazas sobre todo á evolución do concello de Ames. Santiago cos seus 98.687 habitantes, gaña 3.863 con relación ao ano 2010, pero a un ritmo de crecemento medio anual (0,3 %), inferior ao de Ames (1,2 %) e Brión (0,8 %).

Mercado de traballo

Santiago amosa unha situación laboral forte en moitos aspectos, particularmente en comparación con outras cidades galegas. Con todo, a dependencia do sector público e do sector servizos, xunto coa vulnerabilidade ás flutuacións estacionais, son aspectos que requiren atención para garantir unha estabilidade a longo prazo.

En Santiago a taxa de paro foi do 4,4 %, próximo á plena ocupación (<4 %), o mellor dato nos últimos anos e colocando á cidade coa taxa de paro máis baixa entre as sete grandes cidades galegas. A taxa de mulleres en paro é superior á dos homes, detectando unha lixeira fenda de xénero. A finais de 2023 había 17.700 mulleres desempregadas e 1.600 buscando emprego, fronte a 600 homes na mesma situación.

A finais do ano pasado Santiago tiña preto de 42.000 persoas asalariadas. Destaca a alta dependencia do sector público (Sergas, Xunta e Universidade), que concentran un 1/3 do total de asalariados.

Case un 90 % das persoas ocupadas correspóndense co sector servizos, o principal dinamizador de emprego pero tamén unha fonte de desemprego pola estacionalidade.

Economía e empresa

O PIB galego en 2022 alcanzou os 68.817 euros, grazas á mellora dos últimos anos. Preto do 44 % xérase na provincia da Coruña, sendo o PIB por habitante galego de 22.500 euros.

A comarca de Santiago representaba no ano 2020 o 14% da poboación da provincia e o 18% do seu PIB. A coruñesa, sendo o 34,5% da súa poboación achega o 43,6% do PIB. Dentro da comarca, o concello de Santiago de Compostela representaba o 77% do PIB, pero perde -1,7 puntos con relación ao ano 2010. A pesar diso, o PIB real por habitante no ano 2020 ségueo liderando, claramente Santiago de Compostela, con 34.634 euros por persoa, sendo o único que supera a media comarcal de 25.937.

VAB sectorial na comarca

Os servizos achegan o 86,4 % do VAB (valor engadido bruto) municipal de Santiago e o 83,7 % do comarcal. En Ames e Teo os pesos son do 80,2 % e 79,9 %. A construción pesa máis en Ames e a industria en Teo. A industria representa o 6,8 % do VAB de Santiago, fronte ao 13 % da provincia ou o 16 % de Galicia.

Empresas na comarca

Se falamos de empresas contamos con 15.595 na comarca de Santiago (o 15,9% das provinciais). No municipio de Santiago hai 9.818 empresas (63% comarcal), 104 máis que en 2021. Pola súa banda, Ames conta con 2.489 empresas (16%) e Teo, 1.462 (37 e 38 máis que en 2021, respectivamente). Val do Dubra e Vedra reduciron o número de empresas en 2022.

No municipio de Santiago atópanse 10 das 40 empresas de 500 ou máis asalariados da provincia. Na comarca só en Ames hai 1 empresa deste tamaño. O número de empresas do sector Servizos no municipio de Santiago (8.318) alcanza o 84,7% do total. Este peso é superior ao provincial (68,5%) e ao galego (66,7%).

Turismo

Santiago (comarca) supón un 8% da oferta galega de prazas turísticas e un 36% da oferta da provincia da Coruña. Desde o ano 2010, a oferta de prazas turísticas duplicouse tanto a nivel galego como provincial. Na comarca de Santiago, o incremento foi do 74%, destacando proporcionalmente o aumento en concellos como Ames, Boqueixón e Teo. No municipio de Santiago a oferta aumentou un 72%.

En 2010, o 81% das prazas da comarca eran en hoteis e pensións. En 2023, só é o 51%. Os apartamentos e vivendas de uso turístico representan en 2023 un 30% da oferta da comarca. Desde 2018, este tipo de oferta turística multiplicouse por 7 na comarca santiaguesa e por 4 no concello compostelán.

O estudo dos datos destacan que desde o ano 2010 o número de peregrinos nacionais que chegan a Santiago incrementouse lixeiramente, pero o número de peregrinos estranxeiros multiplicouse por tres.

No estudo do sector público dedúcese que Santiago presenta unha situación económica máis positiva que as outras cidades galegas. Esta diferenza é atribuíble á maior actividade administrativa, ao potencial da Universidade e á actividade turística.

Recomendacións

O equipo relator do informe destaca entre as liñas de acción recomendadas a promoción da natalidade e a retención do talento, a atención á poboación envellecida, o apoio á diversificación empresarial, a mellora da competitivade, promover a redistribución do desenvolvemento económico, repensar o modelo de turismo, aproveitar o financiamento da UE ou a promoción da cultura empresarial.

Direccións relacionadas