LEI 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia

Descargar o documento "LEI 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia"
Ano de publicación:2023

Obxecto e fins

Esta lei ten por obxecto a ordenación, a promoción, o fomento, a modernización e a profesionalización do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de promover o desenvolvemento da artesanía como actividade económica sustentable, garantir a protección das súas diversas manifestacións e manter canles de cooperación e colaboración entre o sector artesanal galego e a Administración autonómica de Galicia para a procura dos seguintes obxectivos:

a) A conservación, recuperación, potenciación e expansión das manifestacións e saberes artesanais máis tradicionais de Galicia para garantir a súa pervivencia, a súa transmisión e o seu desenvolvemento.

b) A potenciación da expansión e o deseño da artesanía contemporánea.

c) A inclusión de novas actividades artesanais e a incorporación de novas vocacións que consoliden no tempo o sector artesanal galego e garantan a remuda xeracional.

d) A divulgación e posta en valor do patrimonio artesanal no ámbito económico, social, do patrimonio cultural e turístico.

e) O impulso da comercialización e a mellora da rendibilidade e da competitividade da artesanía no mercado, coa progresiva adaptación do sector artesanal á evolución tecnolóxica e dixital e ás diferentes canles de comercialización físicas e dixitais.

f) A profesionalización do sector artesanal mediante a formación continua e especializada.

g) A promoción da creatividade, da calidade e da innovación na produción artesanal galega e a creación de sinerxías con outros sectores produtivos.

h) A transmisión dos valores e o compromiso coa difusión, a promoción e a pedagoxía da artesanía como práctica creativa.

i) O fomento da responsabilidade social e ambiental e o desenvolvemento local e a dinamización do rural como factores de éxito do sector artesanal.