Plan estratéxico do comercio do concello de Santiago de Compostela

Descargar o documento "Plan estratéxico do comercio do concello de Santiago de Compostela"
Ano de publicación:2017

O comercio é unha das principais fontes de riqueza, tanto económica como social, da cidade de Santiago de Compostela e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cabe destacar a importancia do comercio na nosa comunidade que, segundo o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020, supón un 11,4% do produto interior bruto e un 17% do emprego. Polo tanto, o sector comercial ten un peso na economía galega superior á media europea (11%).

Ademais, as vendas do comercio polo miúdo de Galicia acumulan máis de 13 meses de crecemento interanual a prezos correntes, cun 2,2% de incremento das vendas e un 0,8% de aumento de emprego no mes de abril de 2016, segundo os datos do Índice do comercio polo miúdo (INE).

Por outra banda, cabe sinalar o atractivo histórico e turístico da cidade de Santiago como patrimonio da humanidade. En consecuencia, desde o punto de vista do turista, ir de compras é a terceira actividade realizada na súa estadía en Santiago de Compostela, despois de visitar a catedral e o seu contorno e comer nalgún restaurante da cidade.

Sendo conscientes da importancia do comercio para Galicia e para a cidade de Santiago, a realización do Plan estratéxico do comercio é relevante para coñecer a realidade actual do sector comercial e deseñar estratexias encamiñadas a aproveitar as oportunidades e superar as debilidades.

Neste sentido, o Plan estratéxico do Comercio resalta a importancia de dinamizar o comercio de Santiago de Compostela, favorecendo un comercio de proximidade que cubra as necesidades de todas as persoas usuarias, tanto residentes como visitantes, cunha oferta atractiva e diferencial englobada dentro dun modelo sostible que aposta por fomentar a creación e consolidación dos establecementos.

Para a elaboración do Plan estratéxico do comercio contouse coa participación activa de distintos axentes do sector comercial e dos sectores complementarios, así como das persoas usuarias mediante unha enquisa de demanda comercial. Todos e todas en conxunto teñen a forza necesaria para conseguir os obxectivos propostos.