A concelleira de Economía, Reyes Leis, e o presidente do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, asinaron esta mañá en Raxoi a renovación do convenio de colaboración do Concello co Colexio de Avogados para a promoción de acordos a respecto dos alugueres de locais comerciais.
Mediante este convenio dáse continuidade ao servizo de mediación a través do Colexio de Avogados, dirixido a comerciantes e propietarios, para intentar lograr acordos na renovación dos seus contratos de aluguer. O Concello dedicará 30.000 euros ao servizo durante este exercicio, dando continuidade ao convenio asinado en novembro de 2014 por un importe de 5.000 euros.
Esta medida trata de incidir na problemática xerada pola Lei de Arrendamentos Urbanos de 1994 sobre os popularmente coñecidos como alugueiros de renda antiga, anteriores a 1984 e que mantiñan o seu contrato prorrogado. Así, esta Lei de 1994 marcaba un prazo de 20 anos, que vencía o pasado 31 de decembro, para a extinción deste tipo de contratos cando eran subscritos por persoas xurídicas, pero para as persoas físicas existe a posibilidade de que o prazo sexa diferente, prolongándose ao longo do actual ano 2015.
Esta situación afecta de xeito moi especial na cidade aos negocios e comercios da zona histórica e dificulta o futuro desenvolvemento económico deste ámbito, ademais do risco de despoboamento comercial que supón.
Para axudar a paliar este efectos negativos para a cidade, promóvese a través do Colexio de Avogados a creación dunha quenda especializada en mediación, especialmente de carácter civil/ mercantil, para prestar servizo de asistencia na procura dun acordo de renovación de novos contratos de arrendamento