26/05/2025 O Concello de Santiago organiza, un ano máis, a campaña Compostela Diversa para dar mostra de Santiago como cidade referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia.
A iniciativa inclúe a celebración de diferentes actividades entre o 5 e o 30 de xuño: xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGBTIQ+. O obxectivo é contribuír á visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo LGTBIQ+.
No marco da programación global prevista, Turismo de Santiago e o departamento de Comercio propoñen aos locais de hostalería e hotelaría e as tendas da capital galega vestirse coas cores de Compostela Diversa.
Aqueles comercios, aloxamentos, bares e restaurantes de Santiago interesados en participar desta iniciativa, xa poden inscribirse a través do correo composteladiversa2025@gmail.com. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro domingo, 1 de xuño.
Ademais da decoración que mostren os establecementos, Turismo de Santiago iluminará e decorará distintos espazos públicos da Alameda, como a Porta Faxeira, as Dúas Marías, o Eucalipto dos Namorados, e a praza Roxa.