A Quintana acolle un obradoiro de forxa que reunirá os mellores ferreiros do Estado

Cartel do evento

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada do ferreiro Chago Martínez, presentou esta mañá o obradoiro de forxa que se celebrará en Santiago do 16 ao 18 de xuño e que reunirá en Compostela os 20 mellores ferreiros e ferreiras do Estado.

No evento participarán artistas forxadores e forxadoras cun amplo currículo nos ámbitos da escultura, a arquitectura e a restauración. Estes invitados especiais traerán consigo obras que serán expostas e estarán á venda durante toda a fin de semana nas instalacións dispostas con este obxectivo. No encontro tamén participarán alumnos e alumnas de escolas de artes e oficios.

Este acontecemento sen precedentes en Galicia consistirá na creación dunha escultura colectiva forxada en tempo real á vista do público. Traballarase cunhas quince fraguas, yunques e ferramentas específicas desta disciplina, empuñadas polas expertas mans desta representación nacional de forxadores e forxadoras.

Recuperación do oficio

Este encontro de forxa ten como obxectivo poñer en valor e recuperar os antigos oficios, na liña marcada polo recente Plan de Comercio 2017-2021, que establecía a necesidade de recuperar vellos oficios.

Fomenta ademais a xeración de sinerxias entre diferentes profesionais de campos tan variados como a arquitectura, enxeñería, decoración, paisaxismo ou belas artes. A plasticidade do ferro e outros metais a través de forxa facilita a liberdade de expresión destes profesionais para a execución dos seus proxectos, sen verse limitados á oferta da industria xeral, mediante profesionais expertos na realización de proxectos en metal sobre debuxo, sen importar a súa complexidade.

Como destacou a concelleira, “as persoas visitantes poderán gozar da forza visual e emocional intrínseca desta arte ancestral, alicerce fundamental da nosa historia, imprescindible para entender a nosa cultura. “Esta demostración pública –engadiu- posibilita a transmisión deste coñecemento do oficio ao maior número posible de cidadáns, reavivando e preservando a arte de forxar no século XXI”.

Ríos de ferro

Marta Lois e Chago Martínez
Marta Lois e Chago Martínez

Na fin de semana de celebración do evento, que terá lugar os días 16, 17 e 18 de xuño na praza da Quintana, ofrecerase unha oportunidade única e exclusiva de coñecer o gremio de forxadores e forxadoras e ver de primeira man como traballan o metal dende o deseño en papel ata a execución do mesmo. A obra resultante pasará a formar parte do patrimonio da cidade, exhibíndose indefinidamente no espazo urbano escollido para o goce de toda a veciñanza.

A peza a realizar recibirá o nome de “Ríos de ferro” e o lugar escollido para a súa instalación é o parque Granell e Novo Milenio, ao paso da nova senda peonil recuperada cara as Pontes de Conxo. A maqueta en escaiola estará exposta durante os tres días do evento na praza da Quintana e, rematado o evento, arredor de 15 días despois, será instalada a peza no lugar escollido.

O evento completarase con actividades coma conferencias, actuacións musicais, etc. Haberá tamén unha sesión especial de forxa nocturna na noite do sábado 17 de xuño, entre as 22:30 e as 23:30 horas.

Descargas

Entradas relacionadas