A mostra fotográfica “Comercios emblemáticos, de onte, de hoxe, de sempre” xa pode visitarse na rúa da Carreira do Conde ata o vindeiro 5 de maio. Alí poderanse ver instantáneas dos oito emblemáticos 2018 elixidos pola Mesa Local de Comercio.
Marta Lois sinalou que “dende o Departamento de Comercio puxemos en marcha esta iniciativa por vez primeira en 2016 para devolverlle aos nosos comercios emblemáticos todo o que eles fixeron por nós”. A concelleira afirmou que é unha das actividades das que sentirse “orgullosa, e por iso a seguimos desenvolvendo ano a ano para seguir apostando polo pequeno comercio como unha das bases do crecemento económico dos nosos barrios”.
O comercio é unha parte fundamental desa Compostela que vemos e sentimos. As súas xentes e os seus establecementos acaríñannos e ofrécennos aquilo que precisamos e aquilo polo que devecemos. Algúns comercios convértense nun símbolo de cidade, do pasado, presente, e futuro que albiscamos. Son emblema e representación da nosa memoria, cidade e comunidade.
Os comercios emblemáticos deste 2018 son:
– Bazar Casa Sole (Caldeirería, 46-48), un establecemento en loza e cristal aberto en 1918. Segue a ser un referente inescusable cunha variedade amplísima de produtos que combinan modernidade e tradición.
– Confección Las 3BBB (Caldeirería, 9), casa aberta en 1943 cuxo lema é o “Bueno, bonito, barato”. Comezaron vendendo teas para confección e téxtiles de fogar que se completaban con roupa para muller e, co tempo e os cambios nas modas e nos mercados, foise especializando neste último ramo.
– Libraría Follas Novas (Montero Ríos, 37 e 50), aberta por vez primeira vez en 1971, contou na súa inauguración con todas aquelas persoas que tiñan algo que dicir na cultura compostelá do momento nun acto que significou a integración real do Ensanche nas dinámicas e vida da cidade.
– Maruja Novedades (praza da Pescadería Vella, 3), aberta no ano 1975 da man de María Gil. Ao principio ofrecía téxtiles de fogar e confección para toda a familia, pero co tempo foise especializando e adaptando ás preferencias do público, especialmente en confección de muller.
– Charcutería Seco (San Pedro de Mezonzo, 3; Área Central e Praza de Abastos), aberta na década de 1950 por Antonio González Seco e Celia Álvarez. Hoxe, son os seus fillos Ana e Antonio os que rexentan as Charcuterías Seco.
– Cerería 5 Calles (Castro, 5 – baixo), fundada aló por 1940 por Maximino Fernández, que abriu este negocio que hoxe leva o seu neto. A actualidade é o único obradoiro deste oficio antiquísimo que queda na cidade e mantén aquel espírito dos tempos antigos: deseño clásico, produto de calidade e consello atento e coidadoso.
– Floristería Fiuncho (Montero Ríos, 46, e Área Central), posta en funcionamento por Dolores e Gonzalo en 1985. Hoxe son un referente, tanto nas súas tendas como nos traballos que desenvolven fóra delas.
– Ramón González Orfebres (praza de Feixóo, 2), obradoiro fundado en 1957 e que na actualidade dirixe o fillo de Ramón. É o templo da arte máis compostelá, a do traballo da prata e a talla do acibeche.
Comercios emblemáticos: algo máis que mercar
Paralelamente, poderá visitarse a mostra Comercios emblemáticos: algo máis que mercar, que se instalará en 26 escaparates de establecementos da cidade. Os paneis amosarán unha composición de fotos ou documentos dos anos 60 e 70 relacionados co comercio de Compostela, acompañados dun texto explicativo relativo a temáticas coma a unión do sector, mestres e aprendices, as escolas profesionais, a xente do comercio, as casas do comercio, o comercio innovador, a imaxe comercial, as mulleres e o comercio…
Participan na exposición os seguintes comercios: Frutería Entrenaranjos (República Arxentina,18), Bonino (Alfredo Brañas, 8), La Tienda de María (San Pedro de Mezonzo, 24), Agranola (Santiago de Guayaquil, 2), Centro Deportivo (San Pedro de Mezonzo, 28), Joyería José Antonio (rúa Nova de Abaixo, 4), Óptica Val (praza Roxa, 8), Juan Portela Seijo (Hórreo,48), Dosel (rua Nova, 26), Asthor Decoración (República do Salvador, 30), PC Box (Santiago de Chile, 4), Conchi Penedo Fogar (Diego de Muros, 7), Como pez en el agua (San Pedro, 79), Floristería Embora (San Pedro, 65), Cultura Urbana (Fernando III O Santo, 1), Estanco Praza Roxa (Republica do Salvador, 34), Mercería Algui (rúa do Vilar, 24) Kookaï Naf Naf (Doutor Teixeiro, 20), Maravilla (Orfas 24), Lencería Cris (Galeras, 13 – bloque 3), Nobel (A Rosa, 23), TeTé Niños (Montero Ríos, 16), ELA Interiorismo (Rodríguez Carracido, 9), Cociña María (Ameas, Praza de Abastos, nave 1, c 61/62), Cousas do Campo (Ameas, Praza de Abastos, posto 3) e Fotoprezzo (Alfredo Brañas,2).