Aberto o prazo de inscrición para o XVII Santiago(é)Tapas ata o vindeiro 7 de novembro

Departamento de comercio2

28/10/2025 Os locais da hostalería santiaguesa xa se poden anotar nunha nova edición do  Santiago(é)Tapas, que se celebrará do 19 de febreiro ao 8 de marzo do vindeiro ano. O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 7 de novembro. Así o anunciou onte a concelleira de Turismo, Miriam Louzao.

A inscrición formalizarase a través da ligazón que se atopa na web do concurso santiagoetapas.gal. Tamén quedan recollidas na web as bases do mesmo e o resto de información dispoñible.

Poderán participar no concurso os establecementos da hostalería situados no termo municipal de Santiago de Compostela que estean en posesión das licenzas oportunas e dispoñan de espazo axeitado para o consumo no propio establecemento.

Novidades nas bases

Nesta XVII edición, o Santiago(é)tapas trae consigo varias novidades. As categorías do concurso pasan a ser tres: Tradicional, Creativa e Doce. Ademais, aos premios adicionais existentes – Mellor Tapa Maridada con Cervexa, Mellor Tapa Maridada con Viño e Mellor Tapa sen Glute – súmanse outros dous novos: Mellor Tapa Vexetariana ou Vegana e Mellor Tapa con ingrediente destacado con DOP ou IXP de Galicia ou similares. Así mesmo, inclúense criterios máis específicos de valoración, que poñen o foco no concepto de tapa.

O martes 25 de novembro celebrarase un Café Informativo no que se tratarán todas as novidades deste ano e o Xurado Técnico dará consellos e trucos para mellorar a produción e calidade das tapas presentadas. As persoas interesadas en acudir xa poden inscribirse. Celebrarase no CIFP Compostela, de 17:30 a 19h.

O obxectivo destes cambios é a mellora continuada da experiencia dos participantes e do público nun concurso que presenta un éxito crecente ao longo das distintas edicións. Sen ir máis lonxe, no ano 2025 víronse incrementados nun 25% os votos válidos rexistrados polo público.

Entradas relacionadas