Aprobadas as bases e a convocatoria para participar no Mercado de Nadal 2023-2024

16974468751666956487mercado_nadal_anterior

A Xunta de Goberno deu luz verde a unha nova convocatoria para o Mercado de Nadal, que se instalará en Carreira do Conde e Área Central. Tamén acordou solicitar unha subvención por preto de 420.000 euros para distintos programas do departamento de Servizos Sociais, un dos cales ser realizará por primeira vez e consistirá na posta a disposición de vivendas de transición para persoas en situación de senfogarismo. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. O Concello de Santiago convoca o xa tradicional Mercado de Nadal, que se celebrará do 1 de decembro de 2023 ao 5 de xaneiro 2024 na rúa da Carreira do Conde e do 22 de decembro ao 5 de xaneiro tamén en Área Central.

O prazo de inscrición comezará ao día seguinte da publicación das bases na web de comercio e na sede electrónica do Concello e estará aberto ata o o 30 de outubro de 2023 ás 14:00h. Previsiblemente se publicarán mañá, martes 17 de outubro, polo que as solicitudes poderán realizarse dende o mércores 18 no formulario habilitado ao efecto tanto na web de comercio como na sede.

O Mercado cambiará de expositores en cinco quendas:
Quenda 1: venres 1 a xoves 7 de decembro (7 días ), en Carreira do Conde.
Quenda 2: venres 8 a xoves 14 de decembro (7 días), en Carreira do Conde.
Quenda 3: venres 15 a xoves 21 de decembro (7 días), en Carreira do Conde.
Quenda 4: venres 22 a venres 29 de decembro (7 días), en Carreira do Conde e Área Central.
Quenda 5: sábado 30 de decembro a venres 5 de xaneiro (6 días), en Carreira do Conde e Área Central.

Estará aberto en horario de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 h a 21.30h, agás os días 24 e 31 de decembro, nos que so abrirá de mañá (12.00 a 14.00h), e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, que permanecerá pechado.

Poderán participar no mercado as persoas comerciantes, artesás e produtoras con capacidade para producir, exhibir, elaborar e vender produtos. Pode tratarse de sociedades ou persoas físicas, sempre que estean legalmente constituídas ou regularizadas no réxime de traballadores por conta propia, na actividade económica que lles corresponda.

As persoas interesadas poderán solicitar a información complementaria que precisen para valorar a súa participación no mercado no seguinte contacto: mercadonadal@gmail.com

Consulta as bases.