A Estrela do Nadal xa alumea Compostela

Selo_nadal_composto_01

01/12/2023 Arrancou o Nadal en Compostela co acendido das iluminación que marca o pistoletazo de saída a un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos que este ano se aglutinan baixo a marca “Compostela, a estrela do Nadal”, inspirada na simbólica estrela de oito puntas de Santiago.A praza do Obradoiro acolleu esta tarde o acto de acendido que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, membros da Corporación, representantes das asociacións veciñais, de hostalaría e comercio e veciñanza en xeral. Tras o acendido, abriuse o Xardín das 8 puntos, o bosque da praza Obradoiro que se completa cos existentes en outros sete puntos do municipio: os barrios de San Roque, San Pedro, As Fontiñas, Sar, O Castiñeiriño, Conxo, Santa Marta e Vista Alegre. Nestes puntos haberá photocalls agochados nos que capturar e compartir fotos do “Bico no Visgo” baixo os cancelos #BicoNoVisgo #XardínDasOitoPuntas #CompostelaEstrelaDoNadal. O acto, que se completou cun paseo ata a praza Roxa, estivo amenizado polo Coro Estudio e pola compañía Bambolea.

Luces de Nadal

As luces de Nadal que hoxe arrancaron estarán acendidas ata o 7 de xaneiro en horario de 18.00 h a 2.00 h e de 7:00 a 9:00 h, agás dos días 24, 25 e 31 de decembro de 2023 e o 5 de xaneiro de 2024, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18.00 h ata as 9:00h do día seguinte. Ademais, haberá instalacións propias na Porta Faxeira, Mercado de Abastos, Bonaval, Obradoiro, na Alameda e na praza Roxa. En total, despregáronse fíos de leds en 128 rúas e prazas e tamén en 23 puntos de referencia do rural.

Na Alameda, unha iluminación especial viste as persoas senlleiras que habitan neste espazo nunha ruta coa que poder descubrir quen é quen no paseo central da cidade.

Programa de Nadal

O programa de Nadal recolle un amplo abano de actividades entre as que destaca a iniciativa “Estrelas e desexos”, unha convocatoria de ‘quedada’ na Alameda o sábado 30 de decembro, para que familias e grupos de amizades decoren conxuntamente a árbore central do Paseo, dando a benvida adiantada ao 2024 e deixando cadaquén a súa estrela, todo acompañado con música, instalacións de luces e cores e chocolatada.

Desde o día 1 de decembro, a praza Roxa contará cunha carpa que acollerá concertos coas bandas dos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga nas noites dos venres e sesións vermú os sábados, actividades máis dirixidas ao público infantil, contacontos, sorteos de agasallos para a clientela do pequeno comercio…

Tamén para a cativada, a Alameda acollerá “Alameda en Xogo”, un espazo que funcionará no período de vacacións escolares, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, salvo os días festivos, en horario de mañá e tarde, con distintas propostas para crianzas como rocódromo, piscina de bolas de neve, e moitos xogos máis.

Mercado de Nadal

Outra das citas é o Mercado de Nadal, que un ano máis chega á rúa Carreira do Conde a partir deste venres 1 de decembro e ao que se sumará a partir do 22 de decembro ata o 5 de xaneiro o de Área Central.

Haberá un total de 15 casetas, en cinco quendas rotatorias, de xeito que serán 75 os pequenos negocios que participarán desta volta no Mercado de Nadal de Carreira de Conde nos que haberá, como é habitual, un pouco de todo: artesanía, xoiaría, xoguetes, produtos gastronómicos.

A Carreira do Conde tamén acollerá un espazo de xogos vinculado ao Mercado de Nadal, que funcionará desde o 1 de decembro ata o 5 de xaneiro. O espazo de xogos estará aberto os venres pola tarde, os sábados e domingos e os festivos da ponte da Constitución. Outro Mercado, o da Estrela, terá lugar do venres 15 ao domingo 17 de decembro.
Rede de CSC

Ademais da programación dos “Matinais de Nadal” no marco dos actividades de conciliación, celebrarase un ano máis “Vive o Nadal”, con propostas tanto para as crianzas como para as persoas adultas. Haberá obradoiros de cociña, de decoración de Nadal, e volverá un ano máis a proposta do Agasallo Viaxeiro que a rapazada dos diferentes centros se intercambiará ao remate do Nadal; están programados diferentes espectáculos musicais, teatrais e contacontos por toda a rede de centros.

A programación detallada pode consultarse na web estreladonadal.santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados

Entradas relacionadas