A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extraordinaria, aprobou as bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercicio da actividade de venda de artesanía en postos desmontables na vía pública, e de venda ambulante de tempada; e iniciar o procedemento para a expedición das citadas autorizacións. Estas bases establecen as ubicacións na vía pública, o números de postos así como as datas e horarios de venda.
En concreto, as “Bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercicio da actividade de venda de artesanía” regulan o espazo de 33 postos, distribuídos en Praza da Inmaculada (17), Praza Salvador Parga (7), Praza San Clemente (8), e Praza Fonseca (1 posto de fotógrafo).
Estáblecese un sistema de rotación semana dos postos, excepto o fotógrafo. En canto as datas e horarios da actividade, poderase exercer desde as 09:00 h. ata as 21:00 h., diariamente, no período comprendido entre o 10 de xuño e o 30 de setembro.
En canto ás “Bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercicio de venda ambulante de tempada”, regula a actividade dos postos de xeados, castañas e recordos ou souvenirs. Poderán instalarse en Porta Faxeira, Praza do Toural, Cantón do Toural, Praza de Cervantes, Praza da Inmaculada, Alameda, Praza Roxa, Hórreo, Xoan XXIII e Dársena de Xoan XXIII.
Os postos de xeados e castañas poderán instalarse, un por emprazamento, en Porta Faxeira, na Praza do Toural, no Cantón do Toural, na Praza de Cervantes, na Alameda, na Praza Roxa, e no Hórreo. E os de recordos ou souvenirs: catro postos en Xoan XXIII, un posto na dársena de Xoan XXIII, e seis postos na Praza da Inmaculada.
Establecerase un sistema de rotación nas diferentes ubicacións. A actividade poderá exercerse desde as 09:00 h. ata as 21:00 h., diariamente.
Os postos de tempada de castañas poden exercer a súa actividade entre o 1 de novembro e o 31 de marzo. Os de tempada de xeados, do 1 de abril ao 31 de outubro. E os postos de recordos, do 15 de marzo ao 31 de outubro.
Estas bases elabóranse coa finalidade de regular este tipo de actividades dacordo coas recomendacións da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, dar resposta as peticións, tanto das persoas que realizan actividades de venda ambulante, como do colectivo de artesáns; e dinamizar zonas que actualmente quedan máis afastados do percorrido turístico habitual.