Mañá abre o prazo de 10 días naturais para solicitar a autorización de venda ambulante de temporada e de bens de artesanía

Artesania

Os acordos da Xunta de Goberno polos que se aproban as bases reguladoras da venda ambulante de tempada e de bens de artesanía saen publicado hoxe no BOP, polo que a partir de mañá, mércores 26 de maio, abre un prazo de 10 días naturais para que os interesados poidan solicitar a devandita autorización.

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión do pasado 11 de maio o acordo polo que se establecen as ubicación, o número de postos e a aprobación das bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercizo da actividade de venda ambulante de temporada de xeados, castañas e recordos ou souvenirs en postos desmontables na vía pública (Porta Faxeira, Praza do Toural, Cantón do Toural, Praza de Cervantes, Praza da Inmaculada, Alameda, Praza Roxa, Hórreo, Xoán XXIII e Dársena de
Xoán XXIII), así como o inicio para o procedemento para a expedición das citadas autorizacións. Nesa mesma sesión aprobouse o número de postos e as bases reguladoras das actividades de venda de artesanía en postos desmontables na vía pública.

Os interesados deberán presentar solicitude conforme ao modelo que se poderá obter na web do Concello de Santiago
de Compostela no prazo de 10 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación deste anuncio. As solicitudes
presentaranse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela, no seu Rexistro Xeral, con cita previa, ou en
calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común
das Administracións Públicas, coa documentación citada na base quinta.

En concreto, as “Bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercicio da actividade de venda de artesanía” regulan o espazo de 33 postos, distribuídos en Praza da Inmaculada (17), Praza Salvador Parga (7), Praza San Clemente (8), e Praza Fonseca (1 posto de fotógrafo).

Estáblecese un sistema de rotación semanal dos postos, excepto o fotógrafo. En canto ás datas e horarios da actividade, poderase exercer desde as 09:00 h. ata as 21:00 h., diariamente, no período comprendido entre o 10 de xuño e o 30 de setembro.

En canto ás “Bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercicio de venda ambulante de tempada”, regula a actividade dos postos de xeados, castañas e recordos ou souvenirs. Poderán instalarse en Porta Faxeira, Praza do Toural, Cantón do Toural, Praza de Cervantes, Praza da Inmaculada, Alameda, Praza Roxa, Hórreo, Xoan XXIII e Dársena de Xoan XXIII.

Os postos de xeados e castañas poderán instalarse, un por emprazamento, en Porta Faxeira, na Praza do Toural, no Cantón do Toural, na Praza de Cervantes, na Alameda, na Praza Roxa, e no Hórreo. E os de recordos ou souvenirs: catro postos en Xoan XXIII, un posto na dársena de Xoan XXIII, e seis postos na Praza da Inmaculada.

Establecerase un sistema de rotación nas diferentes ubicacións. A actividade poderá exercerse desde as 09:00 h. ata as 21:00 h., diariamente.

Os postos de tempada de castañas poden exercer a súa actividade entre o 1 de novembro e o 31 de marzo. Os de tempada de xeados, do 1 de abril ao 31 de outubro. E os postos de recordos, do 15 de marzo ao 31 de outubro.

Estas bases elabóranse coa finalidade de regular este tipo de actividades dacordo coas recomendacións da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, dar resposta as peticións, tanto das persoas que realizan actividades de venda ambulante, como do colectivo de artesáns; e dinamizar zonas que actualmente quedan máis afastados do percorrido turístico habitual.

Descargas

Entradas relacionadas