O Concello de Santiago de Compostela recibiu o accésit ao Premio Nacional de Comercio Interior do ano 2015, convocado anualmente polo Ministerio de Economía e Competitividade para proxectos de revitalización comercial vinculados á rexeneración urbana. O galardón foi recollido por Lucía Castro, técnica de Comercio, nun acto celebrado no propio Ministerio.
O premio foi entregado polo secretario de Estado de Comercio, Jaime García-Legaz; a delegada do Goberno na Comunidade de Madrid, Concepción Dancausa; e a subdirectora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez.
O Concello de Santiago recibiu o premio por un proxecto relacionado co elenco de actuacións vinculadas á dinamización comercial e a rexeneración urbana do barrio de San Pedro. Formaban parte do proxecto europeo Urbana Santiago Norte, dentro da área temática “Recuperación de corredores comerciais: Rúa San Pedro-Concheiros”. Estas medidas combináronse coa rexeneración urbanística da rúa, que contribuíu á dinamización do tecido comercial do barrio. Na elaboración do proxecto contemplouse tamén a realización de plans integrais de mellora do equipamento comercial, a mellora da accesibilidade global e actuacións sobre o mobiliario urbano.