Santiago dá a benvida ao Nadal este venres co acendido das luces e un amplo programa de actividades baixo a marca “Compostela, a estrela do Nadal”

Selo_nadal_composto_01

27/11/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, avanzaron esta mañá o programa das Festas de Nadal que este ano se presenta baixo a marca “Compostela, a estrela do Nadal”, inspirada na simbólica estrela de oito puntas de Santiago. Este novo programa aglutina un amplo abano de actividades para todo os públicos e de diferentes barrios e parroquias baixo unha mesma marca co fin de converter estas festas “nas terceiras de entidade da cidade”, tras o Apóstolo e a Ascensión.Goretti Sanmartín salientou que “Compostela, a estrela do Nadal” é unha “proposta ambiciosa” que pretende converter esta celebración nun “espazo e momento de referencia para a poboación de Compostela e da comarca e mesmo do conxunto do país” con “actividades para todos os públicos” que cheguen aos distintos barrios e parroquias “facendo que sexan o máis descentralizadas posible”. A rexedora expresou o seu desexo de converter esta celebración na “terceira festa de entidade en Santiago de Compostela” contando coa “implicación da xente” e a conexión deste novo enfoque “coa nosa historia e a nosa identidade”.

A marca “Compostela, a estrela do Nadal”, cuxo fío conductor é a estrela de oito puntas da tradición da cidade, nace con vistas a ter “continuidade nos próximos anos e deixar impresa unha marca” tanto na cidadanía como nos visitantes. Esta nova imaxe distribuirase por todo o concello a través de 25.000 programas de peto, carteis, voandeiras, bolsas, mupies e redes sociais. Toda a información complementaria poderase atopar a través dos códigos QR insertos en todos os programas e carteis.

Acendido do alumeado

A alcaldesa avanzou que este vernes, 1 de decembro ás 18:30 horas, darase o pistoletazo de saída á programación de “Compostela, estrela do Nadal” co evento de encendido do alumeado na praza do Obradoiro, seguido dun percorrido por diferentes espazos da cidade con espectáculos lumínicos e musicais para darlle a benvida ao Nadal.

As luces estarán acendidas ata o 7 de xaneiro en horario de 18.00 h a 2.00 h e de 7:00 a 9:00 h, agás dos días 24, 25 e 31 de decembro de 2023 e o 5 de xaneiro de 2024, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18.00 h ata as 9:00h do día seguinte. Ademais, haberá instalacións propias na Porta Faxeira, Mercado de Abastos, Bonaval, Obradoiro, na Alameda e na praza Roxa. “Quixemos facer unha aposta moi potente”, subliñou a rexedora, que detallou que se van “despregar fíos de leds en 128 rúas e prazas e tamén en 23 puntos de referencia do rural”.

Novidades do programa

Unha das novidades do programa deste ano é os “Xardíns das 8 puntas”, espazos destacados en distintios puntos da cidade con photocalls agochados nos que capturar e compartir fotos do “Bico no Visgo”. A rexedora convidou a cidadanía a percorrer estes xardíns que estarán instalados no Obradoiro e nos barrios de San Roque, San Pedro, As Fontiñas, Sar, O Castiñeiriño, Conxo, Santa Marta e Vista Alegre e compartir as fotos nas redes sociais baixo os cancelos #BicoNoVisgo #XardínDasOitoPuntas #CompostelaEstrelaDoNadal.

Outra actividade destacada será “Luces e voces da Alameda compostelá”, un percorrido onde a luz acompaña e viste persoas senlleiras retratadas e vivas nunha ruta coa que poder descubrir quen é quen no paseo central da cidade.

Tamén é unha novidade do programa a iniciativa “Estrelas e desexos”, unha convocatoria de ‘quedada’ na Alameda o sábado 30 de decembro, para que familias e grupos de amizades decoren conxuntamente a árbore central do Paseo, dando a benvida adiantada ao 2024 e deixando cadaquén a súa estrela, todo acompañado con música, instalacións de luces e cores e chocolatada, “como non pode ser doutra maneira nesta época do ano”.

Comercio, Xuventude e Centros Socioculturais

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa, María Rozas, reivindicou un Nadal “espallado por todo o munipicio” e “que sexa para vivir, e non só para ver” e fixo un avance das principiais propostas de ocio relacionas co comercio e a xuventude “para desfrute de toda a veciñanza” que estarán centralizadas na praza Roxa e na Alameda, así como a programación específica da rede de CSC.

María Rozas destacou que se trata de “propostas de ocio para todos os públicos cunha programación pensada nas familias” pero que tamén buscan a “dinamización comercial” da cidade e que “pon o foco no pequeno comercio fronte á competencia das grandes superficies”.

Desde o día 1 de decembro, a praza Roxa contará cunha carpa que acollerá concertos coas bandas dos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga nas noites dos venres e sesións vermú os sábados, actividades máis dirixidas ao público infantil, contacontos, sorteos de agasallos para a clientela do pequeno comercio…

Tamén para a cativada, a Alameda acollerá “Alameda en Xogo”, un espazo que funcionará no período de vacacións escolares, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, salvo os días festivos, en horario de mañá e tarde, con distintas propostas para crianzas como rocódromo, piscina de bolas de neve, e moitos xogos máis.

Mercado de Nadal

Outra das citas “plenamente consolidadas” é o Mercado de Nadal, que un ano máis chega á rúa Carreira do Conde a partir deste venres 1 de decembro e ao que se sumará a partir do 22 de decembro ata o 5 de xaneiro o de Área Central.

“Haberá un total de 15 casetas, en cinco quendas rotatorias, de xeito que serán 75 os pequenos negocios que participarán desta volta no Mercado de Nadal de Carreira de Conde nos que haberá, como é habitual, un pouco de todo: artesanía, xoiaría, xoguetes, produtos gastronómicos…”, detallou a edila.

A Carreira do Conde tamén acollerá un espazo de xogos vinculado ao Mercado de Nadal, que funcionará desde o 1 de decembro ata o 5 de xaneiro. O espazo de xogos estará aberto os venres pola tarde, os sábados e domingos e os festivos da ponte da Constitución.

María Rozas tamén avanzou a celebración da décimosegunda edición do Mercado da Estrela, “outra cita xa consolidada do Nadal en Compostela”, que terá lugar do venres 15 ao domingo 17 de decembro, así como actuacións itinerantes polas zonas comerciais da cidade ou o concurso de escaparates de Nadal con case 7.000 euros en premios, entre outras actividades.

Rede de CSC

Ademais da programación dos “Matinais de Nadal” no marco dos actividades de conciliación, a tenenta de alcaldesa anunciou a celebración un ano máis do programa “Vive o Nadal”, con propostas tanto para as crianzas como para as persoas adultas. “Teremos obradoiros de cociña, de decoración de Nadal, e volverá un ano máis a proposta do Agasallo Viaxeiro que a rapazada dos diferentes centros se intercambiará ao remate do Nadal; están programados diferentes espectáculos musicais, teatrais e contacontos por toda a rede de centros… teremos tamén as visitas do apalpador e dos paxes reais”, engadiu.

Nos vindeiros días poderá consultarse toda a programación detallada na web http://estreladonadal.santiagodecompostela.gal/

Documentos relacionados

Entradas relacionadas