Día da visibilidade lésbica galega

R

08/06/2024

🚺 Hoxe conmemórase o Día da visibilidade lésbica galega, en lembranza da data en que casaron Elisa e Marcela: o 8 de xuño de 1901.

🏳️‍🌈 Aproveitamos a ocasión para lembrarvos que neste mes estase a celebrar #CompostelaDiversa, programa que inclúe xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGTB.

🧐 Consulta o programa completo 👉https://t.ly/pWuI-

Elisa e Marcela

Declaración institucional polo Día do Orgullo LGTBIQ+ 2024

O Pleno municipal aprobou esta mañá de maneira unánime unha declaración institucional coa que se suma ás reivindicacións do Día do Orgullo LGBTI+, o vindeiro 28 de xuño, en conmemoración da primeira marcha do Orgullo que percorreu as rúas de Nova York na mesma data no 1970, un ano despois da revolta de Stonewall, evento “que marcou o que se considera o inicio do movemento na defensa dos dereitos das persoas LGBTI+”.

O texto recorda que “Santiago leva moitas décadas sendo concello de acollida, ademais do forno no que se xestaron moitas das reivindicacións transformadoras que antecederon os dereitos dos que gozamos hoxe” polo que é importante “coñecer o que aconteceu, e rescatar aquelas historias de discriminación, de resistencia, de solidaderiedade e de loita colectiva, para comprender que somos unha sociedade diversa, un concello diverso”.

A Corporación municipal tamén manifesta a súa “preocupación” polo “incremento nas agresións LGBTIfóbicas, verbais e físicas” e a necesidade de que “desde o ámbito municipal se destinen recursos materiais, económicos e persoais, que garantan que traballamos de forma transversal nos ámbitos da prevención de todo tipo de discriminacións, de atención e asesoramento ás persoas que o necesiten e de intervención social, xurídica e policial coordinada para erradicar todo tipo de violencias”.

Por todo isto, a totalidade dos grupos municipais comprométense a través de varias medidas concretas a seguir avanzando cara a un “concello orgulloso, diverso e seguro para que todas as persoas poidamos ser libres en todos os ámbitos das nosas vidas, onde todas as persoas que viven, traballan, estudan ou nos visitan, sintan tamén que Compostela é o lugar onde poder ser quen queremos ser sen ningún tipo de limitación”.

Entre as medidas recollidas na declaración, o Concello comprométese a apoiar as mobilizacións convocadas polo movemento LGBTI+ o 28 de xuño, a avanzar na formación interna e na revisión dos formularios municipais para garantir un acceso igualitario e libre de discriminacións aos servizos públicos, a garantir unha perspectiva transversal a todas as áreas municipais dos dereitos das persoas LGBTI+, a seguir apoiando o desenvolvemento e implementación do Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGBTIfóbicas no ocio nocturno, a poñer en funcionamento o Servizo de Asesoramento LGBTI+ e a recuperar e poñer en valor a memoria LGBTI+ do noso concello.

Documentos relacionados

Espazos públicos destacados

Entradas relacionadas