Esta semana reuniuse o xurado da IV edición do Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, convocado polos departamentos municipais de Lingua e de Comercio. Presentáronse 12 proxectos, dos que resultaron dous gañadores, que recibirán un premio de 5.000 euros cada un para impulsar e desenvolver os devanditos proxectos.
Un dos premios foi para Catrineta Conserveira SL, tenda especializada na conserva de peixes e mariscos con marca propia baseada en catro chaves: produto de orixe galega e de calidade, deseño coidado, comunicación en feminino e en galego. O proxecto gañador, chamado Conservas e outras artes, foi deseñado por Illa Bufarda e pretende aumentar o coñecemento e valoración do seu produto e da súa marca a través do uso do galego e co foco posto no comercio local e de proximidade, no consumo responsable, na revalorización da historia da industria e do traballo das mulleres no sector.
O segundo premio de 5.000 euros recaeu en E-Monte Solucións Forestais S.R.L., unha startup de nova constitución que ofrece unha plataforma web para facilitar operacións de compra-venda entre a propiedade forestal e as empresas de madeira. O proxecto gañador recibe o nome de #TeñoMonte e parte de que unha importante porcentaxe de monte non ten vinculación co rural, polo que precisa de acuda para a xestión e a venda de madeira. O obxectivo principal é dar a coñecer o portal entre o seu público potencial. Ademais, procurará crear unha base de propietarias e propietarios forestais en Compostela, contribuír á recollida de microtoponimia e á valorización do monte e das especies autóctonas.
Potenciación da lingua galega
Tras analizar diversos estudos sociolingüísticos observouse que existe un potencial de maior uso do galego no sector socioeconómico. As empresas e negocios empregan menos galego do que lles gustaría aos seus clientes (ao 46,4% pareceríalles ben que se usase máis nas relacións comerciais). Tamén se comprobou que os negocios falan menos en galego cos clientes do que o fan internamente. O uso do galego entre o persoal chega a superar o 50%, pero baixa cos clientes a un 37,8%.
En Compostela existe unha gran diferenza entre o uso que se fai do galego á hora de interactuar coa clientela e o que se fai en ámbitos como a documentación administrativa ou a publicidade, sendo moito máis frecuente no primeiro dos casos.
Ao mesmo tempo, a publicidade é un recurso que non sempre se aproveita ben no eido empresarial a nivel local. Neste sentido, o galego tamén é unha fonte para a creatividade. Baixo o lema “Coa lingua conectas. A boa publicidade en galego merece premio”, este concurso procurou xuntar estes ingredientes para que se producise unha campaña na que se combinen as máis efectivas ferramentas publicitarias co uso do galego.
A imaxe gráfica e o vídeo promocional xogaron co dobre sentido da “lingua” como idioma e como órgano xestual para conectar ás persoas e tamén sensorial para explorar sensacións. Baseándose nesa mensaxe, as pezas gráfica e audiovisual xogan coas distintas conexións a través da lingua.