Esta fin de semana, entre o venres 19 e o domingo 21 de decembro, volve a Santiago unha das citas de Nadal máis esperadas, o Mercado da Estrela. Un espazo que combina artesanía local, creatividade e o talento galegos e consumo responsable.
Coa identidade cultural galega como protagonista, o mercado acollerá distintas actividades coas que ofrecer ás persoas asistentes unha experiencia completa que inclúe artesanía, música, gastronomía e actividades para públicos diversos, tamén para o infantil.
Desenvólvese en diferentes localizacións da cidade, permitindo tamén a posta en valor da riqueza arquitectónica e patrimonial da mesma.
Hospedaría de San Martiño Pinario e Praza de Cervantes
A Feira Creativa de Agasallos Galegos de Nadal organízase na Hospedaría de San Martiño Pinario. Alí, poderanse atopar os produtos das distintas marcas e persoas emprendedoras e creativas participantes.
Esta localización tamén acollerá os obradoiros infantís, unha gardería-ludoteca, actividades creativas destinadas a todos os públicos e un piano máxico.
Pola súa banda, o “Espazo Estreleiro”, localizado na Praza de Cervantes, acollerá un xogo da oca xigante e o posto para envolver os agasallos mercados no festival.
Corredor de Bonaval e Praza 8 de marzo
Na praza situarase o espazo gastronómico; con foodtrucks, barra e sesións de DJ´s.
Tamén aquí, se celebrarán os showcooking “A Paisaxe que Sabe”, patrocinados pola Deputación da Coruña. Contarán coa participación de Espazo Abella, A Horta do Obradoiro e A Maceta.
Centro Xuvenil Don Bosco
A programación musical localizarase no Centro Xuvenil Don Bosco, contando con actuacións estelares como a de Saibran, metade de Boyanka Kostova, e a volta aos escenarios de Triángulo de Amor Bizarro.
Tamén se poderá gozar coa música de IGMIG, Ulex, Montedapena, Antela, Maricarme, Sheila Patricia e Zålomon Grass.
No centro xuvenil organízanse tamén o Bingo Estreleiro, o Retrokaraoke con cancións anteriores aos anos 2000, e unha versión do xogo popular das cadeiras con música tradicional.
A iniciativa conta co apoio dos Departamentos de Comercio e Turismo do Concello de Santiago.
Enlaces relacionados
















