O Concello de Santiago e a Asociación de Artesáns e comerciantes Ourives de Compostela veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá sufragar a mostra “O esplendor do camiño, oito séculos de pratería e acibeches en Compostela” que poderá visitarse na Igrexa da Universidade e no Colexio de Fonseca ata o 25 de setembro. Ao acto de sinatura, que se celebrou esta mañá no pazo de Fonseca, acudiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o presidente da Asociación de Artesáns e comperciantes de Ourives de Compostela, Arturo Ouro Hortas.
O acordo contempla unha subvención por parte do Concello de 20.200 euros para financiar esta mostra que se achega á actividade pasada e presente dos gremios da prata e o acibeche en Santiago de Compostela, cuxa historia discorre paralela á tradición xacobea e á da propia cidade, reflectida no seu rueiro.
O alcalde Xosé Sánchez Bugallo anunciou que ata o momento “a exposición leva 85.000 visitantes, das cales a maioría son de fóra de Santiago”, polo que animou aos “composteláns e compostelás a achegarse nestes últimos días”. O rexedor recordou que o traballo dos ourives é “unha tradición viva” que “pode ser unha profesión de calidade e de futuro para a xente moza da nosa cidade”.
Con esta sinatura, tanto o Concello de Santiago como a Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela reiteran o seu interese común en poñer en valor o recoñemento e prestixio que merecen a pratería e ourivería compostelán e súa vinculación na historia e devenir da cidade.
A pratería e ourivería son dous gremios ancentrais de Compostela cuxa historia discorre paralela tanto da tradición xacobea como da propia cidade, reflectida no seu rueiro, se ben dista de ser aínda hoxe recoñecida e valorada axeitadamente. Con esta iniciativa , perséguese achegar a historia e traballo dos gremios de prateiros e acibecheiros á cidadanía, á vez que promove a actividade comercial na nosa cidade.
A exposición “O Esplendor do Camiño, oito séculos de pratería e acibeche en Compostela” alberga arredor de 170 pezas e poderá visitarse ata o vindeiro domingo 25 de setembro na Igrexa da Universidade, onde se amosan as obras de carácter eclesiástico, e na Sala de exposicións temporais do Colexio de Fonseca (Salón Artesonado e Capela) que acolle as obras de carácter civil e as pezas de acibeche.
Plan Estratéxico de Ourives de Compostela
A Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela agrupa aos gremios de artesáns da pratería, xemoloxía, reloxería, orfebrería, acibechería e aos comercios dos citados sectores da comarca de Santiago.
A asociación conta cun Plan Estratéxico entre cuxos obxectivos figura a posta en valor da pratería e ourivería compostelá. Para o seu seguemento constituíse unha comisión presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e integrada pola Asociacións Ourives de Compostela, a Universidade de Santiago, e unha representación das administracións públicas autonómica, provincial e local galegas.