O Concello edita unha guía para fomentar o asociacionismo e a colaboración comercial

guia_vite_

A Concellería de Comercio vén de editar unha guía para incentivar o asociacionismo e a colaboración como vías para dinamizar o pequeno comercio. A guía, titulada Dinamización comercial. Boas prácticas e modelos de colaboración entre comerciantes, elaborouse dentro das actividades de dinamización do pequeno comercio do proxecto Urbana Santiago Norte, proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Os obxectivos da guía son: a concienciación sobre a busca de solucións con medidas baseadas na propia organización do pequeno comercio, comprometidas, responsables e colectivas, deseñadas a partires dos problemas comúns; a canalización de perspectivas e intereses diversos cara a proposta dunha actividade promocional conxunta; e a posta en valor da capacidade de colaboración entre comercios do mesmo barrio para xerar iniciativas rendibles e sostibles.

Guía edítase dentro do Proxecto Urbana Santiago Norte e busca, en primeiro lugar, poñer en valor a colaboración entre comercios desta zona da cidade para xerar novas iniciativas nas que se involucre o maior número de comercios posible. Nesta zona de actuación do Urbana Norte distínguense tres eixos comerciais: San Roque, Almáciga e Espírito Santo; Vite, San Caetano e Guadalupe; e Vista Alegre, Pelamios e Romaño.

A iniciativa está tendo moi boa acollida entre os comercios da zona norte da cidade e o departamento xa recibiu as primeiras impresións por parte de comercios, que ven positiva a posta en marcha de accións conxuntas para potenciar e dar a coñecer a riqueza comercial dos barrios nos que se atopan.

Ligazóns