O CSC do Ensanche acolleu esta tarde ás 19:00 horas un acto de recoñecemento aos gañadores e gañadoras dos concursos de decoración de Nadal Veciñal e de Escaparates de Nadal, iniciativas lanzadas polo Concello de Santiago nas pasadas festas. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xunto ao concelleiro de Relacións Veciñais, Gonzalo Muíños e á concelleira de Servizos Sociais, Mila Castro foron os encargados de entregar os premios. Sánchez Bugallo agradeceu a “participación e a implicación” de veciños e comerciantes “na decoración das nosas rúas na etapa máis máxica do ano”
O “I Concurso de Decoración de Nadal Veciñal” e o “Concurso de Escaparates de Nadal” son dúas accións impulsadas polo departamento de Comercio e a concellaría de Relacións Veciñais, coas que se pretende recoñecer e premiar economicamente o esforzo decorativo levado a cabo nestas pasadas festas, tanto da veciñanza a nivel individual coma do comercio local, especialmente pola súa contribución á imaxe da cidade como punto de atracción para veciñanza e visitantes.
No caso do concurso de escaparatismo, que recibiu un total de 34 propostas, o xurado decidiu conceder o primeiro premio a Infinita Viajes, que recibirá unha gratificación de 2.000 euros. O segundo lugar foi para a floristería Embora, á que lle corresponden 1.500 euros; e a terceira clasificada foi outra floristería, neste caso a tenda Lilas, situada en República Arxentina, que obtén 1.200 euros. 1.000 euros percibirá a tenda Pilgrim Bag, cuarta clasificada; outro establececemento de Lilas, o do Castiñeiriño, clasificouse en quinto lugar, co que recibe o correspondente premio de 750 euros; e en sexto posto quedou a tenda de decoración Nobel 20, que recibirá tamén 500 euros.
I Concurso de Decoración de Nadal Veciñal
Das once propostas presentadas pola veciñanza compostelá, o xurado decidiu recoñecer como as mellores decoracións en vivendas particulares as presentadas por Ana Mª Cepeda González, Mª Ángeles Gestoso Lamas, Luz Divina Pazos Castro e Manuel Goyanes Martínez.
Para tomar a súa decisión, o xurado valorou a creatividade, composición e deseño, orixinalidade e elaboracións propias valorando a iluminación como foco de atracción e o uso de materiais de refugallo.
O importe total que o Concello destinou a a este concurso era de 2.000 euros, polo que as catro propostas vencedoras recibirán un premio de 500 euros cada un.