Ficha da subvención
Denominación
Bases para a elaboración de listas de artesás para a participación no Mercado da Deputación da Coruña no ano 2025
Convocatoria: Aberta
información, ligazóns e consultas
O obxectivo deste programa é o de facilitar o acceso a un espazo expositivo, demostrativo e de venda ás persoas artesás da provincia que así o soliciten, onde amosar as súas artes e traballos, promovendo que os sectores tradicionais da nosa economía poidan estar presentes, aproveitar a oportunidade de difusión e promoción e servir de exemplos transferibles a outros territorios.
O programa responde á necesidade e á demanda de crear espazos específicos para a promoción de todas aquelas actividades de transformación de materia prima local que rescaten e valoricen o saber artesanal e de oficios e que procuren manter as identidades locais no marco doutras accións globais, polo que a procura doutros canais de distribución dos produtos resultado das empresas ou obradoiros artesás da provincia podería ser o obxectivo marcado.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende o día da publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña da Resolución que aproba as bases para a elaboración de listas de artesás para a participación no Mercado da Deputación da Coruña – ano 2025.
Lugar de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse de xeito telemático no apartado específico da sede electrónica da Deputación da Coruña, SUBTEL. A presentación por este medio producirá plenos efectos xurídicos, sempre que a solicitude sexa presentada dentro do prazo establecido. Non se terán en conta as solicitudes presentadas noutros rexistros.
Neste enderezo https://www.dacoruna.gal/soporte/subtel/preguntas-frecuentes pódese obter información ao respecto do procedemento para a alta na plataforma SUBTEL.
Persoas destinatarias
O programa vai dirixido a pequenas, medianas empresas, micro-empresas, e persoas autónomas que desenvolvan actividade artesá con ánimo de lucro, con domicilio fiscal na provincia da Coruña e reúnan os seguintes requisitos con anterioridade á data de fin de presentación das solicitudes:
· Desenvolver, unha actividade económica que cumpra coa definición de Artesanía e estea encadrada nalgunha das ctividades recoñecidas oficialmente como actividades artesás na lexislación vixente en materia de artesanía.
Ou ben,
Desenvolver, unha actividade económica que cumpra coa definición de Artesanía alimentaria e estea encadrada nalgunha das actividades recoñecidas oficialmente como condición de actividades alimentarias artesás, ademais de cumprir os requisitos a produción artesá e das empresas artesanais, recollidos na lexislación vixente en materia de artesanía alimentaria.
· Ter o domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña segundo o recollido no Certificado de Situación Censual da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.
· Estar dado de alta no IAE correspondente á actividade artesá que exerza, con anterioridade á data de finalización do prazo e presentación das solicitudes.
· No caso de persoas autónomas, estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.
· No caso de persoas xurídicas, inscrición no Rexistro público correspondente, con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.