A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou un novo programa desenvolvido dende o Departamento de Comercio que ten como finalidade recoñecer a traxectoria de negocios emblemáticos da cidade. Por iso a iniciativa leva por nome Comercios emblemáticos.
Este ano, os establecementos premiados serán oito: a Sombreirería Iglesias, fundada en 1912 na rúa do Vilar por Celestino Iglesias; a Grileira, nada en 1987 como obradoiro de construción de gaitas e que foi evolucionando ata ser o único establecemento galego especializado na venda de instrumentos tradicionais; a Platería Augusto Otero, quen sucedeu en 1923 a Bernardino Otero, que abrira un obradoiro propio en 1906 e convertera este negocio nun dos máis senlleiros de Compostela; a Xeadería La Imperial, con máis de medio século de vida; a Ferretería Cruz, cuxo enorme mostrador ten máis de 150 anos; a Tintorería Moderna, un dos emblemas do Ensanche dende 1957; a Farmacia Bescansa e a Libraría Pedreira.
Marta Lois sinalou que “dende o Departamento de Comercio poñemos en marcha esta iniciativa por vez primeira para devolverlle aos nosos comercios emblemáticos todo o que eles fixeron por nós”. A concelleira afirmou sentirse “moi orgullosa” de iniciativas deste tipo que “nos van permitir seguir apostando polo pequeno comercio e o comercio local como unha das bases do crecemento económico dos nosos barrios”.
Os comercios emblemáticos deste 2016 foron elixidos pola Mesa Local de Comercio e a actividade vai acompañada dunha exposición no Centro Abanca Obra Social do 13 de outubro ao 4 de decembro. Ademais porase en marcha unha aplicación móbil (Desafío Comercial SCQ) que descubrirá a cara máis insólita do Santiago comercial. Estará dispoñible a partir do 10 de novembro.