O Pazo de Raxoi acolleu unha nova xuntanza da Mesa de Comercio, onde están reunidos os principais axentes comerciais da cidade e están representados os partidos políticos con representación en Raxoi.
Na xuntanza deuse conta do Plan Estratéxico de Comercio, grazas ao cal se entrevistaron a máis de 30 entidades e persoas entre as que destacan asociacións de comerciantes, gremiais, veciñais, colexios profesionais, centros comerciais, asociacións de atención a colectivos específicos, persoal directivo e técnico das administracións públicas autonómicas e municipais e comercios individuais.
Ao longo do mes deste mes de xuño tiveron lugar as mesas de traballo. Froito da diagnose previa e das entrevistas, saíu a necesidade de articular catro mesas de traballo arredor das seguintes temáticas: Urbanismo: mobilidade, comunicacións, accesibilidade, peonalización das rúas, aparcadoiro, espazos de ocio, barreiras urbanísticas de separación de barrios, infraestruturas de dinamización de barrios, etc; Hábitos de consumo dos segmentos de clientes: entendelos para adaptarnos (cliente local, cliente que fai vida- traballa en Santiago pero reside fóra, cliente da zona de influencia, cliente turista, cliente peregrino, etc; Creación de novos comercios e consolidación dos actuais partindo do comercio de proximidade e situación dos comercios actuais; e Innovación e mellora: calidade de servizo, formación, gama de produto-surtido, xestión interna, optimización de custos, normativa, incorporación TIC/Internet
E en todas elas houbo un tema transversal que foi a atención específica a colectivos sensibles (maiores, nenos, persoas de mobilidade reducida, con algunha discapacidade ou diversidade funcional…). Tamén se lle trasladou aos membros da Mesa da convocatoria das subvencións Compostela Móvese de axuda ás empresas de nova creación, aprobadas en Xunta de Goberno e publicadas o mércores pasado no BOP.
Comercios emblemáticos
O Concello quere poñer en marcha unha campaña para o vindeiro mes de outubro na que se poñan en valor os comercios máis emblemáticos da cidade. A Mesa de Comercio ten un papel fundamental para elixir os comercios que participarán e acordou que dende o Departamento de Comercio se agruparán por categorías os comercios propostos. Dita listaxe será remitida aos membros que votarán as súas preferencias e da suma das puntuacións outorgadas polos membros presentes nesta Mesa sairán os comercios elixidos “emblemáticos” 2016.
Marta Lois explicou á Mesa que con esta iniciativa “queremos dar un paso máis no recoñecemento da labor dos nosos comercios, facendo este ano especial fincapé na posta en valor do comercio en conxunto da nosa cidade e, de xeito especial, naqueles comercios que consideramos emblemáticos. Un comercio emblemático é aquel que, dalgún xeito, identificamos coa cidade, non porque sexa típico senón por que as cidadáns/as lle atribúen valores emocionais ligados á súa vida, á pequena historia da cidade, etc. Son os que teñen carácter histórico, pero tamén os que no seu momento foron novidosos, aqueles cun produto especial ou singular, cunha decoración especial. Non se miden unicamente en tempos históricos, senón emocionais”
Por iso plantéxase a realización dunha exposición sobre o comercio da cidade dende o 1 de outubro ao 30 de novembro de 2016.