11/03/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu a reunión do Consello Económico e Social, onde se presentaron as liñas xerais dos orzamentos municipais, os datos da evolución socioeconómica de Compostela, o calendario de traballo para este exercicio e a folla de ruta para elaborar o Plan de Acción para a Economía Social nos barrios.Neste encontro destacou a necesidade “de tecer lazos entre todas as entidades e colectivos representados para que Santiago avance na necesaria diversificación da súa base económica” e incidiu na potenciación do comercio local e de proximidade, na industrialización e na posta en valor do seu enorme potencial vinculado á transferencia de coñecemento universidade-empresa.
Tamén avogou por apostar activamente pola igualdade de xénero e por contribuír a reducir unha fenda que, no salarial, segue a ser unha das grandes materias pendentes. “Precisamente, a igualdade e a xustiza social están moi presentes no traballo que realizou o goberno municipal de cara o orzamento do ano 2024”, sinalou.
O pasado 7 de febreiro, o Pleno aprobou en sesión extraordinaria o maior orzamento da historia do Concello de Santiago por unha contía total de máis de 142,4 millóns de euros que porá o foco nos servizos públicos da calidade, nas políticas sociais, culturais e de igualdade, na transformación urbana e o acceso á vivenda, na sustentabilidade e o territorio, no esforzo investidor e na mellora da gobernanza e do modelo de cidade.
Segundo explicou a alcaldesa, tomar conciencia da realidade socioeconómica da nosa contorna é fundamental para unha acaída toma de decisións, tanto para as administracións públicas como para todas as entidades representadas. Así, o director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC, Melchor Fernández, ofreceu indicadores que proporcionan información técnica na evolución da poboación e do mercado laboral.
Ademais destes puntos, presentáronse os resultados das accións codeseñadas no ano 2023 no marco do traballo do Consello Económico Social e o calendario de traballo para o desenvolvemento de accións para o 2024, xunto coa presentación da folla de ruta para a elaboración do Plan de Acción para a Economía Social nos barrios de Compostela.
Esta reunión do CES contribúe a manter un diálogo fluído entre o propio Concello, a USC e todas e todos os axentes que forman parte activa da vida socioeconómica de Compostela. Entre eles estiveron convocados, ademais da alcaldesa e representantes dos grupos políticos municipais, a Universidade, sindicatos, entidades comerciais e empresariais como Compostela Monumental, Área Empresarial do Tambre, Asociación Punto Compostela, Fundación Santiago Centro, Hostelería Compostela, Hostalaria.gal, Confederación de Empresarios de Galicia, Cámara de Comercio, Club Financeiro de Santiago, a Plataforma polo emprego, Unión de Consumidores, Em-Rede, Asociación empresarial da rúa de San Pedro, Ourives de Compostela e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia.