Tras a presentación este mércores ás asociacións de comerciantes de Compostela do vídeo promocional da campaña, o Departamento de Comercio do Concello de Santiago busca seguir ampliando a rede de promoción e colaboradores, convidando a toda a cidadanía a que envíen as súas propostas apoiando e potenciando o comercio local. Nunha campaña na que os verdadeiros protagonistas son os comerciantes, #EuMercoAquí convida a sumarse a comercios e clientes que envíen os seus vídeos e fotos.
Para participar, o Departamento de Comercio ademais das súas contas activas en Facebook, Twitter e Instagram e o hashtag #EuMercoAquí, pon a disposición de quen queira compartir os seus vídeos e fotos potenciando o comercio local, o número de whatsapp 686 082 995.
Todos os vídeos e fotografías enviadas serán compartidas nos perfís e páxinas oficiais do Departamento de Comercio do Concello de Santiago de Compostela.
Coa mensaxe “Shopping in Santiago”, a campaña de #EuMercoAquí, encadrada no Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020 do Concello de Santiago, para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID-19, busca involucrar á cidadanía no fomento e participación activa para ofrecer un retorno á actividade e á vida da cidade, potenciando o comercio local.