Ficha da subvención
Denominación
Abertas as convocatorias de axudas para o comercio
Convocatoria: Pechada
Data de publicación: 08/05/2020
información, ligazóns e consultas
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este venres tres das convocatorias previstas para o apoio ao comercio previstas no Plan Marco de Reactivación Económica. Trátase de axudas para o pago de xuros en operacións de crédito, para a mellora e innovación do comercio local e para cheques de consultoría. En total, as tres liñas suman un crédito inicial de 410.000 euros, ampliable ata o millón de euros. As solicitudes deberán do 11 de maio ao 8 de xuño.
A primeira convocatoria, dotada inicialmente con 100.000 euros, ampliables ata os 300.000, é a de axudas para a reactivación económica do comercio local. Están destinadas a sufragar os xuros das operacións financeiras ás que tiveran que recorrer os comercios por mor da emerxencia sanitaria e a consecuente obriga de peche.
Así, a través destas axudas poderanse subvencionar os seguintes gastos:
– Xuros de préstamos concertados con posterioridade ao 14 de marzo de 2020 e pagados dende esa data ata o 2 de novembro.
– Liquidacións das pólizas de crédito devindicadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 2 de novembro de 2020.
O importe da subvención será do 75% do orzamento de gastos, co límite de 1.000 euros por persoa beneficiaria.
Axudas para a mellora e a innovación
Outra das convocatorias é a das axudas para a mellora e innovación do comercio local do programa “Coidar para mellorar”. Neste caso, a convocatoria, que ten tres liñas, ten un orzamento inicial de 210.000 euros, ampliables a 600.000. Estas achegas tratan de fomentar a cultura da innovación no comercio local como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial.
Na liña A desta convocatoria están incluídos os investimentos para a adecuación dos locais (obras de reforma; mellora de illamentos, equipamento e instalacións; substitucións de ventás, portas ou outro tipo de mobiliario, elementos de iluminación ou rótulos comerciais); maquinaria e bens de equipo, incluídos os informáticos, e os relacionados coa actividade produtiva da empresa; periféricos e outros compoñentes; TPV integrados; paquetes de software de xestión, organización ou comercialización empresarial e licenzas precisas para a realización da actividade da empresa; ou outros investimentos en innovación relacionados coa incorporación de novos procesos, métodos de comercialización (comercio electrónico) ou de organización empresariais.
Os comercios localizados no ámbito do Plan especial de rehabilitación da Cidade Histórica quedan excluídos da posibilidade de obteren axudas para gastos investimentos na adecuación física dos locais, dentro da liña A, ao poderen concorrer á convocatoria específica do programa “Localízate”, dirixido á mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética, á mellora da imaxe exterior e ao acondicionamento interior dos locais da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, convocada polo Consorcio de Santiago.
Na liña B figuran os gastos de comunicación en lingua galega, como honorarios profesionais para: o deseño ou actualización da imaxe corporativa; o deseño, redacción, programación ou xestión de calquera material comunicativo; os gastos relativos á produción e reprodución de materiais comunicativos; e os gastos de produción e organización de eventos comunicativos ou promocionais.
Na liña C están incluídas as axudas para gastos na adecuación dos negocios e en servizos profesionais relacionados coa innovación ou coa recuperación económica necesaria por mor da COVID-19. Poden ser: gastos de asesoría e consultaría financeira e laboral ordinarios ou extraordinarios realizados; honorarios profesionais para o deseño de escaparates e servizos de mercadotecnica visual, ou para o mantemento e xestión de páxinas web, así como mantemento de redes informáticas e sistemas de xestión empresarial. Tamén se poden incorporar os gastos de mantemento de hosting e TPVs virtuais, e os gastos correntes necesarios para a adecuación dos locais.
A través desta convocatoria poderase subvencionar ata o 80% do importe total do orzamento de gastos, establecendo unha contía máxima individualizada de 5.000 euros por liña, é dicir, 15.000 euros como máximo para o conxunto das liñas, por persoa beneficiaria.
Cheques de consultoría
A terceira das convocatorias permitirá a concesión de 100 cheques de consultoría, repartidos do seguinte xeito: 17 cheques para a reforma e acondicionamento de locais de negocio, 17 de asesoramento en escaparatismo e mercadotecnia visual, 17 de asesoramento en comunicación comercial, 17 de asesoramento en mercadotecnia dixital, 17 para a implantación do comercio electrónico e 15 cheques para a innovación empresarial
Estes cheques consistirán na prestación dun servizo profesional de asesoramento en cada unha das modalidades previstas, co obxectivo é avaliar as necesidades da empresa beneficiaria e identificar e priorizar as solucións máis adecuadas. A consultaría realizada plasmarase nun documento final de síntese do que se entregará cadansúa copia á persoa beneficiaria e ao Concello de Santiago.
Ata o 8 de xuño
O prazo de presentación de solicitudes para estas tres convocatorias é do 11 de maio ao 8 de xuño. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4), ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas que estean habilitados.
Resolución de dúbidas
Habilitouse na web do programa Coidar para mellorar un formulario de consulta para resolver calquera dúbida sobre estas convocatorias. Tamén estará dispoñible unha liña de atención telefónica en horario de 9:00 a 16:00 horas.