Ficha da subvención
Denominación
Nace a convocatoria de axudas “Coidar para mellorar” con 40.000 euros para a mellora e innovación do pequeno comercio
Convocatoria: Pechada
Data de publicación: 10/09/2010
información, ligazóns e consultas
Bases das axudas á innovación no comercio local 2018
Modelo de instancia e anexos axudas á innovacion no comercio local 2018
Bases dos cheques de consultoría para o comercio 2018
Modelo de instancia e anexos cheques de consultoría para o comercio 2018
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deron conta esta mañá da convocatoria de axudas para a mellora e innovación do comercio local para o ano 2018, que nace cunha nova marca denominada “Coidar para mellorar, mellorar para coidar”.
Trátase dunha convocatoria que é o resultado da unificación de varias axudas que xa existían e que estaban impulsadas polos departamentos de Comercio e de Lingua. Tal e como explicou o rexedor, “o nome da campaña quere facer mención á necesidade de coidar o comercio do municipio para que este sexa máis competitivo e innovador e, á súa vez, o comercio poida coidar a cidade facéndoa máis dinámica e innovadora”.
Máis eficiencia
Esta nova convocatoria de axudas busca mellorar a eficiencia no uso dos recursos públicos, incrementa a contía ata os 40.000 euros, simplifícanse os trámites para solicitalas (onde antes había varias, agora hai unha única convocatoria) e ademais mellórase a súa comunicación cunha nova marca. Nesa liña, para a difusión da campaña crearase unha web, que estará activa a partir do venres, na que os cidadáns e as cidadás poderán participar activamente. Ao aumentar o número de visualizacións do vídeo promocional da campaña nas redes sociais, unha planta con forma de comercio, que é a imaxe da campaña, irá medrando de tal xeito que se lle pedirá á cidadanía que participe para esa planta poida desenvolverse.
Dentro de “Coidar para mellorar, mellorar para coidar” incorpóranse tamén as axudas que ano tras ano leva impulsando o Consorcio de Santiago dentro do programa Localízate, destinadas á rehabilitación dos locais da cidade histórica. Grazas a esta marca global, aquelas solicitudes para a rehabilitación de locais situados no casco histórico serán canalizadas a través do Consorcio.
Martiño Noriega salientou “o traballo colaborativo dos distintos departamentos para mellorar estas liñas de axuda e simplificalas”, ao mesmo tempo que incidiu na importancia de “impulsar o comercio local e de proximidade e tamén o uso do galego nos establecementos de Compostela”.
Tres liñas de axudas
Os obxectivos desta convocatoria pasan pola implant
acións das TICS, a mellora das condicións físicas dos locais, a mellora a comunicación dos mesmos e incorporar ou ampliar o uso da lingua galega. Así, haberá tres liñas de actuación que aglutinan as axudas que viñan sendo impulsadas por lingua e comercio.
Por unha banda, a Liña A, de axudas para investimentos na adecuación física dos locais. Por outra, a Liña B, de axudas para investimentos en TIC e outras innovacións e, por último, a Liña C, de axudas para gastos de comunicación realizada en lingua galega.
Poderán resultar beneficiarios aqueles comercios que estean no termo municipal de Compostela e que realicen actividades incluídas no anexo 2 da convocatoria. “A contía total -explicou Marta Lois- é de 40.000 euros, aumentando en 5.000 o que dedicabamos o ano anterior coas dúas axudas”.
Así, destínanse 25.000 euros ás liñas A e B e 15.000 á liña C. “Iso si, a contía individualizada da subvención que se outorga será como máximo de 5.000 euros para as liñas A e B, e outros 5.000 para a liña C, de tal xeito que o máximo por persoa solicitante, no caso de concorrer ás tres liñas de subvención, será de 10.000 euros”, explicou a concelleira.
O prazo para presentar solicitudes remata o 22 de outubro e deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4), ou ben a través do enderezo comercio@santiagodecompostela.gal.
Principal novidade
Outra das novidades desta convocatoria está nos cheques de consultoría aos que poden acceder os comercios para a reforma dos locais e interiorismo. Son un total de dez e consisten na posta a disposición dos comercios beneficiarios de servizos profesionais cuxo obxectivo é realizar unha avaliación interna da que se obterá un informe sobre as necesidades detectadas.
O asesoramento e titoría ofrecida polo avaliador permitirá concretar a orde de prelación das distintas necesidades detectadas e a identificación das actuacións que convén realizar para mellorar as condicións físicas dos locais en cuestións relacionadas coa distribución e funcionalidade dos espazos, a accesibilidade, a sustentabilidade e o atractivo comercial.
O informe de necesidades e o anteproxecto (no que se desenvolverá a proposta da/s actuación/s seleccionada/s entre as recomendadas) serán elaborados polo avaliador e entregados á persoa beneficiaria, xunto cunha copia para o Concello de Santiago. O anteproxecto conterá un orzamento aproximado da execución material da/s actuación/s.
Neste caso, a convocatoria estará aberta ata o 21 de setembro e o criterio de concesión será por estrita orde temporal. Como no caso anterior, haberá que entregar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello.