A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá os detalles do primeiro Mercado do Libro e a Artesanía, que terá lugar na praza Aurelio Aguirre (diante do CSC de Conxo) durante a fin de semana do 21 e 22 de abril.
“A iniciativa enmárcase na celebración do Banquete de Conxo, unha iniciativa transversal entre varios departamentos para rememorar un dos fitos históricos máis importantes da nosa historia recente“, indicou Marta Lois. O mercado abrirá o sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Durante as dúas xornadas e, en horario initerrompido, haberá xogos e chocolatada. Ademais, para facilitar a visita, funcionará un bus lanzadeira cada media hora dende a rúa da Rosa ata a praza da Mercé de 11:00 a 20:00 horas.
O Mercado do Libro e a Artesanía tivo unha moi boa acollida entre o sector, con numerosas solicitudes de participación que desbordaron as expectativas. En total, formarán parte do mercado 27 iniciativas culturais, entre as que se inclúen 10 editoriais, 6 librarías e 2 expositores de obra gráfica e ilustración. Delas, 15 están radicadas en Santiago de Compostela e as outras 3 proveñen do resto de Galicia.
En canto aos artesáns e artesás, participan 9 representantes dos sectores máis tradicionais da artesanía galega: cerámica, ferro, prata, téxtil, madeira, coiro, cestería e instrumentos tradicionais, que ofrecerán o seu traballo en directo. Deles, 5 son de Santiago, outros 3 de concellos da contorna (Teo, Rianxo e Muros) e 1 de Vigo.
Actividades
No marco do Mercado, a praza Aurelio Aguirre acollerá unha chea de actividades para grandes e pequenas. O sábado comezarase ás 12:00 h coa presentación e sinatura de exemplares do caderno de viaxes De Ushuaia a La Quiaca (con algo de México), a cargo da súa autora, María Meijide. Ás 12:30 h é a quenda de Os Quinquilláns que se suman á festa cun espectáculo de monicreques que leva por nome De Carral a Conxo. Os Quinquilláns traeranos a historia do Banquete de Conxo para o coñecemento e goce dos máis pequenos e pequenas. Tal e como lembrou Marta Lois, “este sábado 14 de abril haberá un percorrido dos monicreques polas rúas de Compostela, a partir das 11:00 h, para dar a coñecer a Festa do Banquete e convidar á participación a fin de semana do 21 e 22 de abril”.
Xa ás 13:00 horas é o momento da música, co trío compostelán de rock n’ roll americano dos anos 50, Noe Black & The Bang Band. A música continuará ás oito da tarde coa Ukestra do Medio, grupo compostelán de ukeleles. Versións de rock’n’roll, country, pop, folk e músicas do mundo a ritmo de ukelele.
O domingo, como día central da Festa do Banquete, as actividades darán comezo coa apertura do Mercado, ás 11:00 h e coa sinatura de libros a cargo de Francisco Narla no Espacio Lector Nobel. Ás 13:15 h será a vez de Rosalía Morlán e Manoele de Felisa, que ofrecerán un recital musical e poético que leva por nome Nas rúas de Compostela.
Pola tarde, coa apertura do Mercado, continuarán as presentacións e a sinatura de exemplares, desta volta do libro Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs Calviño de Tallo, de Alba María Rodríguez. Ás 17:30 h volve a música, da man do trío de Jazz Pablo Sanmamed. Ás 18:00 horas será a quenda de Fanfarria Taquicardia, cun pasarrúas que comezará na praza de Vigo e rematará no barrio de Conxo. Media hora máis tarde, Ramiro Peralta e Blanca Millán presentan o libro infantil Manuela.
Roberto Sobrador e Lara Dopazo darán a coñecer, a partir das 19:00 horas, Proletarios de Rock&Roll e Os lobos na casa de Esaú. A festa remata cunha nova sesión de Fanfarria Taquicardia, que percorrerá coa súa música as rúas do barrio de Conxo.