Sinatura de libros, concertos e recitais poéticos no II Mercado do Libro e da Artesanía da Festa do Banquete

A concelleira Marta Lois coa técnica de Comercio Lucía Castro

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá os detalles do Mercado do Libro e a Artesanía, que terá lugar na praza Aurelio Aguirre (diante do Centro Cívico de Conxo) durante a fin de semana do 4 e 5 de maio.

Trátase da segunda edición deste mercado, que se celebra ao abeiro da Festa do Banquete, “unha iniciativa transversal onde participan diversos departamentos do Concello, incluído Comercio”, segundo explicou Marta Lois. O mercado abrirá de 11:00 a 14:00 horas o sábado e o domingo e de 17:00 a 21:30 horas o sábado, con peche ás 20:30 horas o domingo. No mercado “haberá tamén un panel explicativo onde as persoas que nos visiten terán a oportunidade de coñecer a diferenza entre os comercios existentes en Conxo en 1856 e na actualidade”, engadiu.

A concelleira Marta Lois coa técnica de Comercio Lucía Castro
A concelleira Marta Lois coa técnica de Comercio Lucía Castro

No Mercado do Libro e da Artesanía participarán un total de 19 expositores: dez librarías de Compostela (Os mundos de Carlota, Carlos Meixide, Irmás Cartoné, aCentral Folque, Chan da Pólvora Libraría, Alvarellos Editora, Librería Palacios, Cris Cras Crus, María Meijide e Librería Tirana) e nove obradoiros de artesanía procedentes de toda Galicia. Participarán o ceramista Manuel Figueiras, de Muros; o encaixe MiñaMena Encaixes de Autora, de Muxía; Imprime3D da Coruña, que achegarán o regalo orixinal; o coiro compostelán de El Taller de Fer; o téxtil ourensán de Mamaié; os complementos de Cerámica da Ulla, de Vedra; a madeira de Roberto Figueira, procedente de Rianxo; as xoias teenses de Ferraxe de Prata e os instrumentos de Iago Salgado, tamén procedente de Teo.

Actividades

Ademais das librarías e das artesás e dos artesáns que formarán parte do mercado, este completarase con numerosas actividades para persoas adultas e crianzas así como con xogos populares en horario do mercado. Así, o sábado, ás 12:00 horas, estrearase o documental Pacto de irmaos. Os primórdios da lingua no Centro Cívico de Conxo e, media hora máis tarde, haberá a primeira sinatura de libros a cargo da ilustradora de libro infantil Blanca Millán no stand da Librería Palacios. Ás 13:00 horas, Os Quinquilláns ofrecerán o seu espectáculo de monicreques que leva por nome De Carral a Conxo e, ao remate, Trópico de Grelos ofrecerá unha batucada en sesión vermú.

Xa o sábado pola tarde (ás 18:00 horas), o escritor Martiño Suárez asinará exemplares do seu libro Bestiario do vestiario, segundo tempo, no Espazo Editorial Carlos Meixide. Ás 18:30 horas será a quenda da presentación do xornal Novas da Galiza, unha experiencia xornalística dende abaixo, con Charo Lopes e Xoán Sampedro, de Chan da Pólvora Libraría. O sábado remata coa conferencia “A galicia de Chané”, de Sixto Gómez, e co concerto de Os Novos” ás 19:30 horas.

O domingo á tarde continúan as actividades no mercado. Ás 18:00 horas, coa presentación e sinatura de exemplares do libro Unha matanza esquecida, de Severino Fernández, na Libraría Palacios. Ás 19:00 horas, aCentral Folque acolle a presentación do libro do compostelán Sergio Cobos que leva por nome Bailegramas, o aperitivo perfecto para o recital poético Polvorín de Versos, que acollerá Chan da Pólvora Libraría ás 19:30 horas, con Serxio Abalo, Lucía Novas, Belén Senín e Regina Touceda.

As actividades rematan cun concerto de peche a cargo de A Companhia do Ruído ás 20:30 horas, que virá precedido dunha chocolatada na praza de Aurelio Aguirre.

Ligazóns

Entradas relacionadas