A I Mostra de Cervexa Artesá encherá a Alameda de mestres cervexeiros

SONY DSC

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou este martes os detalles da I Mostra de Cervexa Artesá, que se celebrará en Compostela do 7 ao 9 de xullo. Na rolda estivo acompañada de Esteban Loureiro, representante da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns.

Marta Lois destacou a potencialidade desta primeira edición, que “permitirá dar a coñecer o traballo dos cervexeiros artesáns como provedores no eido da hostalería local”. Tamén destacou a concelleira que se quere “fomentar o coñecemento sobre os procesos de elaboración e a súa compra máis que o consumo en si”.

Cartel do evento
Cartel do evento

Múltiples actividades

A Mostra celebrarase a fin de semana con actividades tanto de balde como de pago e inscrición. A inauguración será o venres, ás 18:00 horas, coa pinchada do primeiro barril. Continuará cunha foliada galega ás 19:00 horas e cun obradoiro de introdución e cata de cervexas artesanais a cargo de Jesús Rivera Armán. Esta actividade ten un prezo de 5 euros por persoa e require anotarse no correo fillos.da.malte@gmail.com

A partir das 21:00 horas terá lugar un concerto a cargo de La Cumbancha de la Martiniana, que pechará o primeiro día de feira a iso da media noite. Xa o sábado terá lugar un curso de elaboración de cervexa artesá a cargo dun mestre cervexeiro. Esta actividade será de balde.

Pito d Pikaso ofrecerá un concerto ás 14:00 horas e, a partir das 19:00 horas, volven as cervexas a protagonizar a feira cunha cata friki a cargo da tenda de cervexas La Atlántica. É preciso anotarse en info@la-atlantica.com e ten un prezo de 20 euros por persoa.

A partir das 20:00 horas, Belén Matilla dará unha charla sobre o lúpulo en Galicia que precederá ao concerto do grupo de música Jimmy & Jesus, xa a partir das 21:00 horas.

Clausura, o domingo

Os nenos e nenas teñen o seu espazo na Mostra da Cervexa, xa que ás 12:30 haberá un taller no que poderán participar e pasalo ben. Ás 14:00 horas, o DJ Rafa Morcego será o encargado de amenizar a sesión “Beer-mú” e xa pola tarde terá lugar un curso gratuíto de elaboración de cervexa artesá a cargo dun mestre cervexeiro.

Ás 19:00 horas terá lugar unha cata de cervexas galegas impartida pola Cervexería Beerlab, previa a dúas actuacións musicais a cargo de Esteban e Manuel e do Dj Rafa Morcego. A partir das 22:00 horas celebrarase o concurso no que se elixirá a mellor etiqueta e a mellor cervexa da feira e sortearanse packs entre o público participante.