Área Central acolle o venres e o sábado o VI Festival de Patchwork de Galicia

Cartel anunciador do evento

Este venres e o sábado comeza en Área Central o VI Festival de Patchwork de Galicia, un evento organizado pola Asociación Galega de Patchwork (Centón) no que está prevista a participación de máis de 15 postos de casas comerciais relacionadas con esta técnica de costura coa que se poden crear mantas, tapices e colchas a base de retallo doutras telas, creando así fermosas imaxes e auténticas obras de arte. O Concello de Santiago colabora con este evento.

Os postos de casas comerciais asistentes proceden de diferentes localidades de Galicia, así como de varios puntos de España, como Cantabria, Asturias, País Vasco, Madrid ou Castela A Mancha. O VI Festival de Patchwork de Galicia poderase visitar en horario de 11:00 a 21:00 horas este venres e o sábado na esquina vermella de Área Central. Na xornada inaugural está prevista a asistencia da concelleira de Comercio, Reyes Leis.

Durante estes dous días do Festival e en paralelo ao mesmo, desenvolveranse varias actividades, como cursos a cargo de recoñecidas expertas na materia; unha exposición composta por máis de 40 colchas (algunhas de artistas recoñecidas internacionalmente) que se poderá ver na esquina verde de Area Central); demostracións de fiado artístico con roca con Lola de Logaro, a cargo de A Tendiña do Scrap; talleres de scrap o venres; e demostracións de shalk paint, sizzix e encadernación o sábado.

Na edición de 2014, tamén celebrada en Área Central, rexistrouse unha ampla afluencia de particulares procedentes de varios puntos de país, así como de grupos organizados de persoas interesadas nesta técnica de costura.

Presentación, desfile e colchas comunitarias

Este festival servirá tamén para introducir a feira de inventores e creadores Compostela Mini Maker Faire, que se celebrará o 17 de outubro en Área central. Por isto, durante os dous días haberá un taller de elaboración dunha colcha no que, que coordinados por profesoras de patchwork, todas as persoas que o desexen poderán participar e coser retallo de 8×8 centímetros para formar unha colcha co logo da Compostela Mini Maker Faire. Trátase dunha ocasión única para internarse no mundo da costura e do patchwork e, por outro, informarse sobre o encontro de creadores e inventores do outono.

Enmarcado tamén no VI Festival de Patchwork de Galicia, o escenario principal de Área Central acollerá o sábado, ás 18:30 horas, un desfile no que se poderá ver roupa informal e de festa, tocados, xoiería e complementos elaborados polos alumnos da escola de corte e confección Susa Suárez. O obxectivo deste desfile é recadar fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro.

Por último, a sesión dos Sábados creativos tamén se centrará no patchwork e realizarase unha colcha comunitaria. Esta actividade se desenvolverase o sábado na esquina amarela a partir das 18:00 horas.

Descargas

Entradas relacionadas