Área Central acolle unha nova edición da Feira Caravaning Compostela

Outro momento da rolda de prensa

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada de Sara Castedo, adxunta á xerencia de Área Central; Manuel Ángel Fernández-Arruty, presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, e David Abelenda, xerente de Autocaravanas Costa da Morte, presentou a IV edición da Feira Caravaning Compostela, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de maio en Área Central.

Cartel Caravaning Compostela
Cartel do evento

A edición deste ano distribuirase entre a praza de Europa e algunhas zonas dos corredores de Área Central. Esta feira é un grande escaparate para promocionar a práctica do cámping e o caravaning, así como unha plataforma comercial e de divulgación deste estilo de lecer familiar. Esta iniciativa tamén pretende descubrir esta forma de desprazarse e de facer turismo entre as persoas que non a coñecen.

Marta Lois destacou “a colaboración do Concello de Santiago con este tipo de eventos, que permiten dinamizar o barrio das Fontiñas e Área Central en particular, e o conxunto da cidade en xeral”. O Concello colabora, ao igual que o ano pasado, co “estacionamento gratuíto no aparcadoiro de Salgueiriños a aquelas persoas que acrediten a súa participación na Feira”.

Única en Galicia

Alcanzada xa a cuarta edición, Área Central aposta por traballar na consolidación desta feira, a única que se celebra en Galicia sobre esta temática e que consegue atraer a visita de persoas de diferentes puntos do catro provincias galegas. Os concesionarios participantes aproveitarán este tres días para dar a coñecer as últimas novidades e os modelos máis recentes das marcas coas que traballan.

As empresas que repiten a súa presenza dende a primeira edición ese tres días en Area Central serán Yakart Centro Caravaning, Galicia Caravaning, Caracol Park e Caravanas Mallón. Esta edición súmase tamén Caravanas Costa da Morte. Os corredores de Área Central tamén contarán con casetas vinculadas a estas prácticas, como casas de motos, autoescolas, axencias de seguros, asociacións de cámpings, etc.

Manuel Ángel Fernández-Arruty, Marta Lois, Sara Castedo e David Abelenda
Manuel Ángel Fernández-Arruty, Marta Lois, Sara Castedo e David Abelenda

O Concello de Santiago colabora un ano máis con esta feira, que tamén conta co respaldo da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), agrupación presidida actualmente por Manuel Anxo Fernández-Arruty. Esta entidade, composta por máis de 500 socios, realiza un destacado traballo reivindicativo para dignificar a imaxe do autocaravanismo, pór en valor a importancia deste colectivo a nivel turístico e para defender a necesidade de melloras dos servizos que lles ofrecen os concellos.

Caravaning Compostela forma parte do esforzo que realiza Área Central por ofrecer un calendario anual de eventos que resulten atractivos e enfocados cada un deles a públicos determinados, o que serve para complementar a oferta comercial, de restauración e de servizos cada vez máis interesante coa que conta Área Central.

Entradas relacionadas