A Grileira, comercio galardoado nos Premios Manuel Beiras 2025 xunto con Aqueladas e Nós Televisión

2025 Portada premio Manuel Beiras

02/12/2025 Nunha nova e emocionante edición dos Premios Manuel Beiras, celebrados onte no Teatro Principal, tres empresas compostelás recibiron o recoñecemento polo seu uso do galego.

Entre elas, atópase o comercio A Grileira; que recibiu o galardón polo seu uso continuado do galego. Para o outorgamento do premio a esta tenda especializada en instrumentos musicais tradicionais, o xurado fixouse na  “continuidade histórica, xeración tras xeración,”  no uso da nosa lingua, así como na “súa contribución á preservación do patrimonio musical galego a través da artesanía e da atención profesional”.

Xunto A Grileira, as empresas premiadas foron a cooperativa de produción audiovisual Aqueladas, na categoría de nova incorporación, e a canle Nós Televisión, en comunicación innovadora.

A gala de entrega foi presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada da secretaria xeral da Cámara de Comercio, Rosa Mary Cardeso. A rexedora compostelá puxo o foco na demanda de galego que fai a cidade de Santiago, non só no comercio e nos medios de comunicación senón en todos os ámbitos.

‘O galego é o punto’ 

A XXVI edición dos Premios Manuel Beiras levouse a cabo baixo o lema “O galego é o punto”. Unha referencia a como a lingua galega achega ese punto de confianza que precisan os negocios, o punto de conexión e de valor engadido que demanda a clientela.

A cidadanía compostelá reclama canda cada vez máis o uso do galego, convertendo á nosa lingua non só nun signo de identidade senón nun elemento fundamental para as empresas de calquera sector e tamaño así como un recurso identitario e publicitario para elas.

Os Premios Manuel Beiras, organizados polo Concello e a Cámara de Comercio de Santiago, levan desde a súa creación aportando visibilidade e recoñecemento a aquelas empresas compostelás que apostan polo galego; dando mostras do seu compromiso ao longo do tempo, asumíndoo máis recentemente ou aportando un punto de orixinalidade e innovación á comunicación na nosa lingua.

Entradas relacionadas