A Rede de CSC lanza o espectáculo “Viva Vivaldi” dos Monicreques de Kukas e a acción artística participativa “O Museo Máis Pequeno da Cidade”

cartaz_Viva_Vivaldi_no_centros_socioculturais_Monicreques_de_Kukas

A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, presentou esta mañá o espectáculo “Viva Vivaldi”, a cargo da compañía Os Monicreques de Kukas, que arrancará o vindeiro 17 de marzo no Centro Sociocultural das Fontiñas e percorrerá varios centros da cidade. Na rolda de prensa, acompañaron á edila, Marcelino de Santiago e Isabel Rei Pousada, fundadores da mítica compañía. Esta mañá tamén se presentou “O Museo Máis Pequeno da Cidade”, unha iniciativa coa que se pretende achegar o mundo da arte á veciñanza compostelá e promover a participación activa de persoas de todas as idades.

Este venres 17 de marzo, o Centro Sociocultural das Fontiñas acollerá o primeiro pase da obra “Viva Vivaldi”, coa que a compañía de Monicreques de Kukas conmemoran o 300 aniversario de As catro estacións de Vivaldi, nun espectáculo dirixido a un público familiar e que percorrerá varios csc da cidade ao longo do mes de marzo.

Trátase dun traballo poético e divertido onde unha pintora (Maruxa) e un músico (Antón) crean un mundo fantástico e poético cunhas marionetas tratadas cunha paleta de cores brillantes. O público poderá ver os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano con pequeñas historias que valoran a importancia da amizades e das relacións afectivas e solidarias.

A obra estará interpretada por Marián González, Larraitz Urruzola e Marcelino de Santiago (Kukas), con versión musical para guitarra de Rubén Barros Deschamps, iluminación de Miguel Cabaleiro e dirección de Isabel Rei Pousada.

“Viva Vivaldi” percorrerá seis centros socioculturais entre o 17 e o 31 de marzo. O venres 17 poderá verse en Fontiñas, o sábado 18 no Romaño, o 24 en Vite, o 25 en Santa Marta, o 26 en Conxo e o 31 de marzo na Gracia.

Mercedes Rosón recordou que a entrada é “de balde ata completar a capacidade das salas” e convidou ás “familias de Santiago, pais, nais, avós, avoas, a acompañar aos seus fillos e netos a ver este divertido espectáculo”.

O Museo Máis Pequeno da Cidade (MPC)

Mercedes Rosón tamén presentou esta mañá, acompañada das técnicas dos CSC de Santa Marta e Vite, Sandra Quintana e Teresa Otero, a iniciativa “O Museo Máis Pequeno da Cidade”, coa que se pretende achegar a arte ao público infantil e adulto.

Inspirada na idea orixinal de Noemí Batllori, esta iniciativa ten un dobre obxectivo: “por unha banda fomentar a creatividade entre as familias, sen distinción de idades. E por outra, achegar o mundo da arte á veciñanza de Compostela e impulsar á vez a creación de comunidade e a mobilidade entre os diferentes barrios”, explicou Mercedes Rosón.

A edila convidou a todos os veciños e veciñas “sen limitacións de idade”, a participar nesta iniciativa coas súas propias creacións. Só teñen que expresar a súa creatividade nun óco de 13 centímetro por 13 centímetros”, usando “todo tipo de materiais…e, sobre todo, moita imaxinación”

Esta acción, impulsada pola Rede de CSC, converterá á cidade de Compostela nun museo de microsalas de arte, que estará aberto desde Día Internacional dos Museos, o 16 de maio, ata o 14 de xullo.

Inscrición

A participación nesta actividade está aberta a todo o mundo e poderá presentarse unha creación individual ou en grupo que debe ser orixinal, inédita.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seu Centro Sociocultural de referencia, ou no correo electrónico, ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal, cubrindo previamente o formulario de inscrición que pode descargase na sede electrónica do Concello de Santiago (solicitude CC002 do trámite “participación en actividades municipais da Rede de Centros Socioculturais”).

O prazo de inscrición está aberto ata o 24 de marzo. A cada participante entregaráselle a caixa de cartón na que debe realizar a montaxe da obra que poderá entregar nos centros do 17 ao 21 de abril. A continuación serán expostas nos locais comerciais de Compostela que colaboren na iniciativa, convertendo a cidade nun auténtico museo vivo.

As bases para participar nesta iniciativa, do Museo máis Pequeno da Cidade, podense consultar, desde hoxe, na páxina web do concello e na Rede de CSC.