28/06/2024 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto central de celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI+, no que se deu lectura a unha declaración institucional por parte das concelleiras dos diferentes grupos municipais María Rozas (Compostela Aberta), Mercedes Rosón (PSdG PSOE), Míriam Louzao (BNG) e Borja Rubio (PP). A alcaldesa, Goretti Sanmartín, foi a encargada de abrir e pechar o acto que tamén contou coa participación dun grupo de alumnas do IES do Sar.O acto central do Día do Orgullo LGTBIQ+ abriuse cunhas palabras de benvida da rexedora que reiterou o compromiso institucional “coas persoas e co colectivo LGBTI” na “defensa do seu dereito a vivirmos en diversidade”. A continuación un grupo de alumnas do IES do Sar leron fragmentos de texto en verso e prosa a prol da defensa dos dereitos LGBTI+.
As/os integrantes dos diferentes grupos municipais María Rozas (Compostela Aberta), Mercedes Rosón (PSdG PSOE), Míriam Louzao (BNG)e Borja Rubio (PP) leron a continuación o declaración institucional aprobada polo Pleno municipal do pasado 27 de maio, con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI+, este 28 de xuño, data que conmemora a revolta de Stonwall que se produciu en Nova York en 1969, considerada como o nacemento do movemento LGBTI moderno.
Na lectura recordouse que “Santiago leva moitas décadas sendo concello de acollida, ademais do forno no que se xestaron moitas das reivindicacións transformadoras que antecederon os dereitos dos que gozamos hoxe” polo que é importante “coñecer o que aconteceu, e rescatar aquelas historias de discriminación, de resistencia, de solidaderiedade e de loita colectiva, para comprender que somos unha sociedade diversa, un concello diverso”.
Nesta declaración a Corporación municipal manifesta a súa “preocupación” polo “incremento nas agresións LGBTIfóbicas, verbais e físicas” e a necesidade de que “desde o ámbito municipal se destinen recursos materiais, económicos e persoais, que garantan que traballamos de forma transversal nos ámbitos da prevención de todo tipo de discriminacións, de atención e asesoramento ás persoas que o necesiten e de intervención social, xurídica e policial coordinada para erradicar todo tipo de violencias”.
Por todo isto, a totalidade dos grupos municipais comprométense a través de varias medidas concretas a seguir avanzando cara a un “concello orgulloso, diverso e seguro para que todas as persoas poidamos ser libres en todos os ámbitos das nosas vidas, onde todas as persoas que viven, traballan, estudan ou nos visitan, sintan tamén que Compostela é o lugar onde poder ser quen queremos ser sen ningún tipo de limitación”.
En concreto, as concelleiras que deron lectura á declaración, comprometéronse en nome da Corporación municipal a apoiar as mobilizacións convocadas polo movemento LGBTI+ para hoxe, 28 de xuño; a avanzar na formación interna e na revisión dos formularios municipais para garantir un acceso igualitario e libre de discriminacións aos servizos públicos; a garantir unha perspectiva transversal a todas as áreas municipais dos dereitos das persoas LGBTI+; a seguir apoiando o desenvolvemento e implementación do Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGBTIfóbicas no ocio nocturno; a poñer en funcionamento o Servizo de Asesoramento LGBTI+ e a recuperar e poñer en valor a memoria LGBTI+ do noso concello.
VI edición de Compostela Diversa co fin de dar visibilidade á realidade LGTBIQ+
26/06/2024
Con motivo da celebración o 28 de xuño do Día Internacional do Orgullo LGTBI, o Concello de Santiago realizará a lectura dun manifesto institucional na praza do Obradoiro ás 11h.
O programa lúdico, artístico e poético de Compostela Diversa celebrará o orgullo na praza de Mazarelos o vindeiro sábado 29 de xuño a partires das 19 h.
Artistas confirmados:
- Nuria Vil
- Certame de Poesía
- Zeltia Irevire
- Pava
- Lingua Franca
- DJ Nenaza
- Lingua Franca
20/06/2024
Preto de establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade están a participar na campaña de difusión e visualización da realidade LGBT no marco da iniciativa #CompostelaDiversa
Partillamos as actividades desta semana. Consulta toda a programación na seguinte ligazón:
https://bit.ly/CompostelaDiversa2024
28/05/2024
Porque Santiago é referente en inclusión e acollida, volve a iniciativa Compostela Diversa!
Programación cultural e moitas actividades encherán de cor a nosa cidade entre este luns e o domingo 30 de xuño.
Podes informarte aquí:
https://www.santiagoturismo.com/…/compostela-diversa-2024
27/05/2024
Hoxe comeza a VI edición de #CompostelaDiversa na que participan máis de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade.
O programa inclúe xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGTBI.
Máis Información:
www.santiagoturismo.com/axenda-cultural/compostela-diversa-2024
Arranca unha nova edición de Compostela Diversa co fin de dar visibilidade á realidade LGTBIQ+
23/05/2024 Preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade participan na campaña de difusión e visualización da realidade LGTBI no marco da iniciativa Compostela Diversa, que ofrece un ano máis un amplo programa de actividades lúdicas e de reflexión. Varios puntos da cidade contarán con iluminación e decoración especiais desde o 27 de maio ata o 30 de xuño. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta esta mañá en rolda de prensa de todas as actividades programadas para esta nova edición.A alcaldesa presentou esta mañá unha nova edición de Compostela Diversa, programa que inclúe xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGTBI.
Ao respecto da campaña, a rexedora explicou que manterá “o espírito porque foi un éxito e é un referente para o noso concello, xa que a xente xa ten interiorizada esta imaxe e estas cores”. “Queremos que Compostela Diversa teña unha presenza forte na rúa e nos establecementos comerciais e hostaleiros, para o que contaremos con iluminación e decoración de rúas e prazas e de comercios, bares, restaurantes e hoteis”, destacou Goretti Sanmartín, que adiantou que nesta edición levarase unha parte da iluminación á praza roxa, xa que é “un centro neurálxico de moita xente nova e un espazo de tránsito para moitas persoas”.
A alcaldesa recordou que Compostela Diversa naceu en 2018 para facer de Santiago un referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia, e contribuír así ao avance na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo LGTBI. Trátase dunha iniciativa do Concello de Santiago impulsada a través da Concellaría de Igualdade, coa participación da Concellaría de Comercio e de Turismo de Santiago, co apoio de la Deputación da Coruña e a colaboración especial do Mercado de Abastos e o colectivo Avante LGBT+.
Programación
Esta sexta edición de Compostela Diversa celebrarase do 27 de maio ao 30 de xuño, concentrándose os actos centrais nos últimos dez días. Así, o xoves 20 de xuño haberá un Faladoiro sobre persoas asiladas LGTBI, coa colaboración da ONG Movemento pola Paz. O sábado 22 de xuño, a sección Cinema acollerá a presentación e exhibición do filme “Testigos de un tiempo maldito”, con coloquio posterior con Daniela Ferrández e Javier Larrauri, director da película, así como a proxección da curtametraxe de Anxos Fazáns “Habitar”.
O venres 28, levarase a cabo a lectura do manifesto ás 11 do mediodía na Praza do Obradoiro. Ao día seguinte, desde as 18:30 ata as 23:30 h a praza de Mazarelos acollerá un programa lúdico, artístico e poético, no que intervirán distintos escritores e artistas.
De xeito complementario a estas actividades, preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade vestiranse coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis, dentro dunha campaña de difusión e visualización da diversidade.
Ademais, un ano máis, para visibilizar os valores de Compostela Diversa, Turismo de Santiago colocará iluminación e decoración en espazos públicos destacados como a propia oficina central de Turismo de Santiago, ou en diferentes puntos da Alameda, como a Porta Faxeira, as Dúas Marías, o Eucalipto dos Namorados, incorporando ademais este ano a praza Roxa como novidade.
Ademais, no Paseo dos Leóns da Alameda instalarase un Arco de Cores de grandes dimensións para que tanto as persoas residentes en Santiago como as persoas que visitan a cidade estes días poidan tomarse unha fotografía coas cores da diversidade coa vista da cidade histórica e da Catedral no fondo. Tamén se vestirá de cores LGTBI a rúa das Ameas, na que está o Mercado de Abastos, o segundo lugar máis visitado despois da Catedral. Esta iluminación e decoración especiais estarán visibles desde o 27 de maio ata o 30 de xuño.