Belvís acolle a segunda edición da Feira da Cervexa Artesá “Compos Beer Fest”

SONY DSC

Chega a Compostela a segunda edición da Feira da Cervexa Artesá Compos Beer Fest, que se celebrará no parque de Belvís os días 15, 16 e 17 de xuño. Ao longo dos tres días que vai durar o evento poderase degustar case un cento de cervexas artesás diferentes.

Cartel da Feira da Cervexa Artesá

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, foi a encargada de presentar a segunda edición do “Compos Beer Fest”, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada de Esteban Loureiro e Ricardo Lomba, representantes da Asociación Galega de Cervexeiros/as Artesáns/ás. A concelleira recordou “o éxito da primeira edición, que reuniu na praza da Quintana a centos de persoas”, ao mesmo tempo que puxo o foco no obxectivo deste tipo de mostras, que “permiten dar a coñecer o traballo dos cervexeiros e cervexeiras artesás como provedores da hostalería local e fomentan o coñecemento sobre os procesos de elaboración da cervexa”.

Ao longo dos tres días de festa poderanse degustar case 100 tipos de cervexas artesás, contando ademais con cervexeiros e cervexeiras procedentes de distintos puntos de Galicia e de fóra do noso territorio. Participan Cervexa Áncora (Ourense), Cervexa Menduiña (Cangas), Cervexa Belecker (Ponferrada), Cervexa Nós (Pontevedra), Cervexa Faxilda (Pontevedra), Cervexa A Cova da Serpe (Lugo), Cervexa Bubela (Lugo), Cervexas Silvestres (Pontevedra), Cervexa Kel´s (A Coruña), Cervexa Nasa (Pontevedra), Cervexa Castreña (León), Cervexa Misterio Brewing (Viveiro), Cervexa Garage (Barcelona), Cervexa Alealé (Uxes, Arteixo), Cervexa Jakobsland (Santiago de Compostela) e La Sagra (Toledo).

Entrada de balde

Será a Asociación Galega de Cervexeiros/as Artesáns/ás a encargada de organizar o evento e de amosar como se elabora este produto de maneira artesanal, profundando na cultura desta bebida. A entrada á feira é de balde, pero para consumir requírese adquirir o vaso conmemorativo do evento, no que se servirán as cervexas e que posteriormente se pode reciclar. O Compos Beer Fest é un festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e cunha ampla programación de música, obradoiros para as crianzas, catas, charlas e unha morea de accións, creando así un espazo cultural diferente.

As principais novidades deste ano son dúas. En primeiro lugar, contarase con varios food trucks que ofrecerán aos visitantes comida de rúa para que poidan degustar no propio parque de Belvís, nas preto de cen mesas e bancadas que se habilitarán na herba. Ademais, haberá un espazo de lecer para a infancia, con xogos tradicionais, contacontos e obradoiros. Esteban Loureiro explicou que “a zona infantil será un dos principais atractivos desta edición, e non só para os nenos e nenas, senón tamén para os pais”. No relativo á presenza de food trucks], explicou que “haberá unha ampla variedade, mesmo con comida vegana ou sen glute para persoas con celiaquía”.

Actuacións musicais

Ricardo Lomba, Marta Lois e Esteban Loureiro en rolda de prensa

Compos Beer Fest vén acompañado dunha chea de actuacións musicais os tres días de feira. O venres actuará o DJ Rafa Morcego, a partir das 18:00 horas, e Blue Monk, a partir das 22:00 horas. A música do sábado 16 de xuño comezará xa ás 13:00 horas, cunha sesión “Beer-mú” a cargo de La Cumbancha de la Martiniana. Xa ás 16:00 horas chega a selección en vinilo de Ghuin Pan Pun Selektah e, a partir das 20:00 horas, os concertos de Breaking Bones e do DJ Rafa Morcego. O domingo tamén terá a súa sesión “Beer-mú” da man de La Sincereza. A música continúa ás 18:00 horas con DJ Fishman AKA Dr Think.

Ademais, ao longo dos tres días do festival haberá outras actividades como catas de cervexas, as chamadas “Olimpiadas cervexeiras”, ou o curso de elaboración artesá de cervexa. Antes do peche da feira daranse a coñecer os premios á mellor etiqueta, á mellor cervexa e á mellor food truck do festival.

O horario da feira será o venres de 18:00 a 00:00 horas, o sábado de 12:00 a 01.00 da madrugada e o domingo de 12:00 a 23:00 horas.

Aposta pola reciclaxe

O Concello ten un acordo con Ecoembes polo que durante os días da Feira haberá instalados no parque de Belvís contedores para separar o lixo, e fundamentalmente o vidro. O obxectivo é, non só manter a zona verde no mellor estado, senón tamén favorecer a reciclaxe.