Preto de 30 expositores participarán no I Mercado do Libro e a Artesanía no marco da Festa do Banquete de Conxo

A concelleira Marta Lois e a técnica de Comercio Lucía Castro

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá os detalles do primeiro Mercado do Libro e a Artesanía, que terá lugar na praza Aurelio Aguirre (diante do CSC de Conxo) durante a fin de semana do 21 e 22 de abril.

A concelleira Marta Lois e a técnica de Comercio Lucía Castro
A concelleira Marta Lois e a técnica de Comercio Lucía Castro

“A iniciativa enmárcase na celebración do Banquete de Conxo, unha iniciativa transversal entre varios departamentos para rememorar un dos fitos históricos máis importantes da nosa historia recente“, indicou Marta Lois. O mercado abrirá o sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Durante as dúas xornadas e, en horario initerrompido, haberá xogos e chocolatada. Ademais, para facilitar a visita, funcionará un bus lanzadeira cada media hora dende a rúa da Rosa ata a praza da Mercé de 11:00 a 20:00 horas.

O Mercado do Libro e a Artesanía tivo unha moi boa acollida entre o sector, con numerosas solicitudes de participación que desbordaron as expectativas. En total, formarán parte do mercado 27 iniciativas culturais, entre as que se inclúen 10 editoriais, 6 librarías e 2 expositores de obra gráfica e ilustración. Delas, 15 están radicadas en Santiago de Compostela e as outras 3 proveñen do resto de Galicia.

En canto aos artesáns e artesás, participan 9 representantes dos sectores máis tradicionais da artesanía galega: cerámica, ferro, prata, téxtil, madeira, coiro, cestería e instrumentos tradicionais, que ofrecerán o seu traballo en directo. Deles, 5 son de Santiago, outros 3 de concellos da contorna (Teo, Rianxo e Muros) e 1 de Vigo.

Actividades

No marco do Mercado, a praza Aurelio Aguirre acollerá unha chea de actividades para grandes e pequenas. O sábado comezarase ás 12:00 h coa presentación e sinatura de exemplares do caderno de viaxes De Ushuaia a La Quiaca (con algo de México), a cargo da súa autora, María Meijide. Ás 12:30 h é a quenda de Os Quinquilláns que se suman á festa cun espectáculo de monicreques que leva por nome De Carral a Conxo. Os Quinquilláns traeranos a historia do Banquete de Conxo para o coñecemento e goce dos máis pequenos e pequenas. Tal e como lembrou Marta Lois, “este sábado 14 de abril haberá un percorrido dos monicreques polas rúas de Compostela, a partir das 11:00 h, para dar a coñecer a Festa do Banquete e convidar á participación a fin de semana do 21 e 22 de abril”.

Xa ás 13:00 horas é o momento da música, co trío compostelán de rock n’ roll americano dos anos 50, Noe Black & The Bang Band. A música continuará ás oito da tarde coa Ukestra do Medio, grupo compostelán de ukeleles. Versións de rock’n’roll, country, pop, folk e músicas do mundo a ritmo de ukelele.

O domingo, como día central da Festa do Banquete, as actividades darán comezo coa apertura do Mercado, ás 11:00 h e coa sinatura de libros a cargo de Francisco Narla no Espacio Lector Nobel. Ás 13:15 h será a vez de Rosalía Morlán e Manoele de Felisa, que ofrecerán un recital musical e poético que leva por nome Nas rúas de Compostela.

Pola tarde, coa apertura do Mercado, continuarán as presentacións e a sinatura de exemplares, desta volta do libro Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs Calviño de Tallo, de Alba María Rodríguez. Ás 17:30 h volve a música, da man do trío de Jazz Pablo Sanmamed. Ás 18:00 horas será a quenda de Fanfarria Taquicardia, cun pasarrúas que comezará na praza de Vigo e rematará no barrio de Conxo. Media hora máis tarde, Ramiro Peralta e Blanca Millán presentan o libro infantil Manuela.

Roberto Sobrador e Lara Dopazo darán a coñecer, a partir das 19:00 horas, Proletarios de Rock&Roll e Os lobos na casa de Esaú. A festa remata cunha nova sesión de Fanfarria Taquicardia, que percorrerá coa súa música as rúas do barrio de Conxo.

Descargas

Entradas relacionadas