Concello e Cámara facilitarán o acceso gratuíto de 200 establecementos de Compostela ao selo “Comercio de confianza”

Selo Comercio de confianza

 Concello e a Cámara de Comercio de Santiago facilitarán que 200 establecementos comerciais da cidade poidan acceder ao selo “Comercio de confianza”, impulsado pola Cámara de Comercio de España e a Secretaría de Estado de Comercio. En virtude desta colaboración, o Concello sufragará á Cámara o custo dos selos (57 euros + IVE) para os 200 primeiros comercios que soliciten e obteñan este selo.

Esta colaboración súmase a outras xa postas en marcha e conveniadas entre o Concello e a Cámara a raíz da crise da COVID-19. Así, 200 establecementos de Santiago de Compostela poderán acceder a este selo “Comercio de confianza”, que garante que estes locais cumpren cos protocolos sanitarios e de seguridade establecidos no Protocolo e Guía de Boas Prácticas dirixidas á Actividade Comercial en Establecementos Físicos e non Sedentarios publicado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O selo “Comercio de confianza” ten unha duración dun ano.

Poderase solicitar por algún dos seguintes medios:

• Por correo electrónico a sellocomerciodeconfianza@camaracompostela.com, achegando o formulario de solicitude que pode descargarse na web da Cámara de Comercio.

• Mediante a plataforma de xestión de eTrámites.

O comercio deberá cumprimentar a solicitude e achegar a documentación solicitada, que inclúe unha declaración responsable na que, entre outras cuestións, se compromete á elaboración dun Protocolo e Guía de Boas Prácticas.

Esta actividade complementa as actividades xa realizadas no marco do convenio de colaboración entre o Concello e a Cámara de Comercio para este ano 2020, dotado cun orzamento de 100.000 €. Entre estas accións ofrecidas pola Cámara figuran:

  • Servizos de información, asesoramento e titorización de proxectos empresariais, grazas aos que, ata o momento, se realizaron 92 asesoramentos.
  • Servizos de fomento do espírito emprendedor no eido educativo: nestas visitas e charlas informativas dirixidas a que o alumnado de centros de secundaria coñeza os procesos de emprendemento e o Viveiro de Empresas da Costa Vella teñen participado ata o momento 90 estudantes.
  • Itinerarios formativos personalizados de emprendemento xuvenil: Rrealizáronse neste ano 2020 o Programa Marketing Dixital e Emprendemento e o Programa Videoxogos e Emprendemento, nos que participaron 50 mozos e mozas, e estanse a executar o Programa Social Media, Marketing Dixital e Emprendemento e o Programa Tendas Virtuais e Emprendemento, no que están a participar 60 mozos e mozas.
  • Servizos de asesoramento en materia de internacionalización, que permitiron realizar 549 asesorías, predominando as consultas efectuadas por empresas dos sectores da madeira e a súa transformación, telecomunicacións, papel e cartón sobre os mercados de Oriente medio, Marrocos, China e Centroamérica.
  • Servizos de apoio a autónomos e empresas na busca de financiamento, realizándose ata agora 53 asesoramentos e os tres webinars, cunha media de 30 participantes por evento.

O convenio de colaboración coa Cámara de Comercio forma parte do programa municipal Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. Para este ano 2020 conta cunha programación especial adaptada ás necesidades xeradas no tecido industrial pola crise sociosanitaria do COVID-19.

Ligazóns

Entradas relacionadas