Despois da convocatoria de cheques de consultoría posta en marcha no pasado mes de abril, os departamentos de Lingua e de Comercio volven xuntarse para outorgar novas axudas para o pequeno comercio, dentro do programa Coidar para mellorar, mellorar para coidar. Desta vez destínanse 40.000 euros a esta convocatoria, que conta con dúas liñas de axuda: unha para reforma e adecuación de locais e outra para gastos de comunicación realizada en galego.
Unha das liñas de axuda é para o acondicionamento dos locais. Aquí inclúense tanto obras que melloren a distribución, funcionalidade, accesibilidade, sostibilidade ou atractivo comercial do establecemento, como a implantación de tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e a dotación de equipamento e outras tecnoloxías para mellorar a competitividade.
A outra liña de axudas destínase a procesos de mellora comunicativa nos que se inclúa a lingua galega, o que pode incluír campañas publicitarias ou outras iniciativas de comunicación en galego. Tal como se lles ten indicando aos/ás beneficiarias dos cheques de consultoría e asesoramento, un 60% dos santiagueses usa o galego coma lingua habitual e 84% móstranse favorables ao uso do galego na publicidade e na comunicación comercial. Os usuarios do galego supoñen un nicho de mercado perfectamente segmentado e identificado e, nun momento no que cada vez máis empresas se preocupan polas redes sociais, o uso de galego é unha forma de sensibilizarse coa súa normalización.
O galego comparte tamén dous valores fundamentais co comercio local: a proximidade e a confianza. Ademais, o uso do noso idioma está asociado á orixinalidade, á fabricación artesanal, aos produtos naturais e á calidade.
Beneficiarios, gastos subvencionables e solicitudes
Son subvencionables os gastos, cun mínimo de 600 euros, realizados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2019, sempre que se adecúen ás bases da convocatoria. As cantidades as subvencións asignaranse en función das solicitudes que se presenten e dos puntos que obteñan, non podendo superar, en calquera caso, o 80% do gasto. A contía máxima é de 5.000 euros en cada unha das liñas, que son compatibles entre si.
Na convocatoria terán preferencia os comercios polo miúdo, do municipio de Santiago de Compostela, cuxa actividade principal estea incluída nalgunha das epígrafes marcadas nas bases. Se non se cobren os fondos dispoñibles, poderán tamén optar outro tipo de empresas. Exclúense os comercios localizados no ámbito do Plan especial de rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1) para as actuacións de adecuación física dos locais, que deberán concorrer á convocatoria do programa Localízate do Consorcio de Santiago. Os departamentos de Lingua e Comercio coordínanse co Consorcio nesta materia, polo que a convocatoria do organismo está tamén a piques de lanzarse.
As solicitudes deberán presentarse a partir do día seguinte da publicación desta
convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, coa data límite do 31 de outubro de 2019.
A documentación necesaria e as bases completas poden consultarse en comercio.santiagodecompostela.gal e en coidarparamellorar.santiagodecompostela.gal. Ante calquera dúbida, pódese contactar cos departamentos de Comercio (comercio@santiagodecompostela.gal) ou co de Lingua Galega (dlg@santiagodecompostela.gal).
Cheques de consultoría
Na primeira fase do programa Coidar para mellorar. Mellorar para coidar ofrecéronse 10 cheques de asesoría para o acondicionamento dos locais e outros 10 de comunicación, de 1.000 euros cada un. Houbo 8 solicitudes para os primeiros e 18 para os segundos e, finalmente, concedéronse 17. Neste momento están rematando os traballos de asesoramento personalizado.