O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a técnica responsable do Departamento de Comercio, Lucía Castro; reuníronse este martes coas asociacións de comerciantes Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede e Fundación Santiago Centro. No encontro acordouse que a festa do comercio local se celebre do 25 ao 28 de xuño, unha data consensuada entre as distintas partes.
Na reunión tamén se falou sobre as bases das subvencións ás asociacións de comerciantes, que previsiblemente se aproben o vindeiro luns en Xunta de Goberno, e das posibles vías para a certificación como comercio seguro. A maiores, explicóuselle ás entidades como vai o número de solicitudes das axudas ao comercio. As bases publicáronse no BOP o pasado 8 de maio, e o prazo de solicitude está aberto ata o 8 de xuño. Trátase das axudas para o pago de xuros en operacións de crédito, para a mellora e innovación do comercio local e para cheques de consultoría. En total, as tres liñas suman un crédito inicial de 410.000 euros, ampliable ata o millón de euros.
Desde o Concello tamén se informou ás asociacións comerciais das medidas nas que se segue a traballar para reactivar o pequeno comercio. Neste momento estanse mantendo contactos cos propietarios dos estacionamentos para os bonos de parking que está previsto que repartan os locais comerciais entre a súa clientela. Ademais, comunicóuselle que o Concello mercou o dominio comerciolocal.gal como espazo interadministrativo; e explicóuselle o desenvolvemento da campaña #EuMercoAquí, que ten como obxectivo dinamizar as vendas empregando as plataformas online, redes sociais e tamén os soportes tradicionais. Unha campaña deseñada pensando no sector, que durará ata finais de xuño, e que se está intensificando para concienciar á cidadadanía para que merque no comercio de proximidade porque, deste xeito, está contribuíndo ao crecemento da economía local. Todas estas accións, igual que as axudas ao sector, están contempladas no Plan Marco de Reactivación Económica, que puxo en marcha o Concello de Santiago para facer fronte á crise derivada da COVID-19.