01/12/2023 A Feira Creativa de Agasallos celebrarase no mosteiro de San Martiño Pinario e no 2º andar do Centro Obra Social Abanca na Praza de Cervantes cunha nova zona infantil con xogos xigantes, obradoiros e gardería-ludoteca para a cativada e visitas guiadas ao espazo patrimonial. A programación musical e a oferta gastronómica dividirase entre a praza 8 de marzo e a pista cuberta do Centro Don Bosco coa novidade dun karaoke navideño.A concelleira de Promoción Económica, María Rozas; a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; e a directora do Mercado da Estrela, Mónica Mejías deron conta esta mañá dunha nova edición do festival do talento galego, que festexando a súa 12ª edición, se celebrará en Santiago de Compostela dende o venres 15 ata o domingo 17 de decembro.
O Mercado da Estrela é un festival urbano de Nadal “no que as persoas creadoras de Galicia amosan o froito do seu talento nas vésperas das festas para que as persoas visitantes desfruten das súas creacións, pezas, produtos, elaboracións e composicións durante o evento ou as convertan en orixinais e innovadores agasallos adquiridos baixo o selo de talento galego”, salientou a concelleira, que difiniu o Mercado como unha cita xa clásica do Nadal compostelán.
Case un centenar de marcas de artesanía, moda, ilustración, xoguetes, fotografía, deseño, decoración, edición, produtos enogastronómicos e últimas tendencias poderán participar na feira creativa contemporánea durante a fin de semana previa a Nadal cunha oferta que completará a súa proposta con foodtrucks, postos de restauración e un atractivo programa de concertos, sesións picadiscos e obradoiros deseñados para gozar da creatividade e do tempo compartido con contidos de balde entre os que estarán os concertos de Ataque Escampe, Mondra nun formato especial e como novidade un karaoke navideño a cargo de Esteban, Lontreira e Familia Caamagno o sábado e Catuxa Salom, maríagrep e Grande Amore o domingo.
“Un festival de balde que reparte os seus contidos entre diferentes espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago de Compostela para redescubrilos a través dun percorrido que permite coñecer a impresionante riqueza arquitectónica e cultural desta cidade Patrimonio da Humanidade mentres se desfruta do animado ambiente que caracteriza ao festival e se descubre o talento creativa das novas marcas de Galicia”, lembrou a edila de Comercio.
A ampla programación para esta 12ª edición está xa dispoñibe en RRSS e ao igual que a Feira Creativa e as Zonas Gastronómicas, será de acceso gratuíto.
Aquelas persoas que decidan visitar a cidade con motivo do Mercado da Estrela poden dende xa reservar aloxamento na hospedería do mosteiro barroco de San Mariño Pinario a un prezo reducido con motivo do festival.
Posicionado como centro neurálxico en Galicia para as compras, os reencontros e os brindes na semana previa a Noiteboa, o Mercado da Estrela conta co patrocinio da Dirección Xeral de Comercio e Consumo apoiando á marca Artesanía de Galicia, Turismo de Santiago de Compostela, Estrella Galicia e Gadis, e a colaboración do Seminario Maior, a “Hospedería San Martín Pinario”, Abanca e o Centro Don Bosco como localizacións anfitrionas do evento.