A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas; e a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentaban onte o programa de Nadal que, un ano máis, retoma a marca “Compostela, a estrela do Nadal”. Destaca a diversidade de actividades, para todos os públicos, cunha forte incidencia para o público familiar, e cunha importante presencia do talento local.
Na rolda de prensa, a tenenta de alcaldesa afondou no desexo de que o Nada sexa “unha festa vivida con intensidade”, con multitude de propostas para desfrutar nas rúas de Compostela; mentres que a alcaldesa sinalaba “o pulo que está collendo esta aposta que facemos desde o goberno para converter o Nadal na terceira festa de Santiago”.
Compostela prende o Nadal
E se hai unha xornada na que se poderá gozar dos e das artistas composteláns é no acendido das luces, que se celebrará o venres 28 de novembro. “A nosa idea é que o acendido deste ano supere todas as expectativas e que se converta nun vibrante escaparate do talento local e da vida artística da cidade e do Concello”, comentaba Goretti Sanmartín.
A xornada comezará ás 18:30h, cando as dúas comitivas organizadas sairán tanto de Carreira do Conde como da Porta do Camiño. Estas percorrerán as rúas da cidade acompañadas por Agrupación Folcklórica Colexiata do Sar e Enxebres de San Lázaro. As paradas nas prazas do Toural e Cervantes traerán consigo o acendido das luces de Nadal nas mesmas.
Xa no Obradoiro, os malabares de Pistacatro marcarán a conta atrás do acendido e acomodo da “luz do Nadal” na praza central da cidade. Completará a programación circense a compañía Duelirium.
Mercado de Nadal
A tenenta de alcaldesa tamén destacou a importancia do comercio local, que un ano máis estará a disposición do público no Mercado de Nadal organizado en Carreira do Conde – do 28 de novembro ao 5 de xaneiro– e en Área Central – do 20 de decembro ao mesmo 5 de xaneiro-.
Ademais dos cerca de 90 expositores locais de alimentación, decoración, xogos, bixutería e xoiaría, coiro, ilustración, produtos téxtiles, cosmética, etc.; tamén se organizan en torno a 40 obradoiros infantís. Estes desenvolveranse no espazo infantil de Carreira do Conde.
Ademais, nos diferentes equipamentos da rede municipal de centros socioculturais suman 75 actividades diferentes, tanto nos centros do rural como nos da zona urbana e na Casa das Máquinas.
“Como vedes, é unha programación amplísima, imos ter moitísimo que facer ao longo de todo o mes en Santiago, e creo que será imposible non atopar algunha proposta que sexa do noso interese”, comentaba María Rozas.
Ruleta de agasallos Eu Merco Aquí
Co obxectivo de promover o comercio de proximidade, ao Mercado de Nadal con establecementos santiagueses súmanse as carpas instaladas na Alameda e na Praza Roxa. Nelas desenvolveranse diferentes actividades para atraer a cidadanía, destacando a xa tradicional ruleta de Agasallos Eu Merco Aquí. Nela, as persoas usuarias poderán conseguir a través dos seus tíckets do comercio local a oportunidade de xirar a ruleta e conseguir agasallos para os/as máis cativos/as da casa.
Cun aumento dos premios a repartir, as ruletas organizaranse o sábado 13 de decembro na Praza Roxa e o sábado 3 de xaneiro na carpa da Alameda en xogo.
Outras actividades
Completan a programación do Nadal outras moitas actividades como o xardín das oito puntas, con árbores naturais en distintos emprazamentos da cidade; a X edición da carreira de San Silvestre, a festa de Fin de Ano e a cabalgata de Reis, as actividades dos centros socioculturais ou o Mercado da Estrela.
Entre as novidades, atoparemos Eh! Domingo na carpa da Praza Roxa. Actividades organizadas os domingos pola tarde que inclúen bingo musical e distintas actuacións musicais.
Enlaces relacionados












