O Mercado de Nadal e a pista de xeo abrirán este sábado 2 de decembro

Marta Lois e Lucía Castro.

A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e a técnica de Comercio Lucía Castro, presentaron o Mercado de Nadal, que abrirá este sábado 2 de decembro e permanecerá instalado ata o 6 de xaneiro. En total haberá 87 expositores, 22 máis que o ano pasado, na mesma localización, a rúa Carreira do Conde.

Marta Lois explicou os detalles deste Mercado de Nadal 2017-2018, entre os que destacou que a ubicación volva a ser Carreira do Conde. “O motivo desta elección son os bos resultados do ano pasado e que, ademais, é un excelente atractivo tanto para a zona histórica como para o Ensanche, dinamizando os dous”.

Marta Lois e Lucía Castro.

En canto aos horarios do Mercado, os días non festivos abrirá de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:30 horas. Os días 24 e 31 de decembro, o horario será de 11:00 a 14:30, mentres que os días 25 de decembro, e 1 e 6 de xaneiro, o Mercado abrirá de 18:00 a 21:30 horas.

Este ano participarán 87 comercios e artesáns, fronte aos 65 do ano pasado. A concelleira destacou tamén o aumento na demanda de solicitudes para participar no Mercado, xa que “se no 2015 houbo unha demanda discreta de 86 comerciantes, no 2016 superáronse as 100 solicitudes e para este ano houbo un total de 157 solicitudes de participación”.

No Mercado de Nadal haberá postos de artesanía, doces, obxectos e agasallos para as festas, cunha representación moi ampla da artesanía local. Os comerciantes e artesáns rotarán en quendas. Así, segundo explicou Lucía Castro, “haberá un total de seis quendas, cada unha das cales durará seis días”. Nesta edición, ao haber máis expositores, non terán que repetir quenda, salvo tres, polo que se garante a variedade e distinción en cada quenda.

Espazo Creativo

O Mercado tamén contará cunha área de actividades, o Espazo Creativo, pensado sobre todo para os máis pequenos, que tamén terán á súa disposición unha ludoteca aberta permanentemente. “Buscamos así conciliar a compra e a visita ao Mercado co entretemento dos nenos e nenas”, indicou a concelleira.

Toda a información sobre as actividades de Espazo Creativo pode consultarse na web do Mercado de Nadal.

Pista de xeo

Marta Lois anunciou que tamén esta fin de semana abrirá a pista de xeo, instalada novamente no paseo central da Alameda. Funcionará do 2 de decembro ao 28 de xaneiro.

O horario de luns a venres será de 9:00 a 14:00 só para centros escolares, mentres que, pola tarde, o recinto abrirá de 16:30 a 22:00 horas para o público en xeral. As fins de semana a pista estará disponible de 11:00 a 22:00 horas de maneira interrompida. Tamén haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivos, con horario de 22:00 a 2:00 horas.

Sobre os prezos, a penas varían respecto ao anterior Nadal, cunha entrada xeral de 8 euros para unha sesión de 50 minutos. Os/as escolares pagarán 4,5 euros.

Ligazóns

Entradas relacionadas