Estrea Estilo, iniciativa promovida pola Concellaría de Comercio, presentará este domingo as coleccións de primavera-verán das tendas da cidade en diversos espazos do Pazo de San Lourenzo. Durante a xornada, a gañadora do cheque-agasallo de 200 €, premiada grazas á súa compra en Patucos & Co o pasado mes de abril, poderá trocar o seu premio por prendas e produtos dos comercios participantes.
Este domingo 10 de maio, ás 11:30 horas, abriranse as portas do Pazo de San Lourenzo para acoller a iniciativa Estrea Estilo, que na súa terceira edición presentará as novas coleccións de tempada dos comercios de distintas zonas de Santiago de Compostela nunha xornada lúdica cun completo programa de actividades. A acción desenvolverase nos diferentes salóns e xardíns do Pazo ata as 20:30 horas, abrindo á cidadanía un dos espazos con máis historia e encanto da cidade para celebrar a gran festa do pequeno comercio.
A entrada será de balde para os visitantes, e permitirá coñecer as novidades dos 47 comercios participantes, pertencentes ás categorías de moda téxtil, lencería, calzado e complementos, perfumes, labores, artigos de porteo, decoración, flores e plantas, globos, e produtos gourmet e de alimentación. 13 Reinas, A Balea Violeta, A Cesta da Saúde, A Reixa Tenda, Allegra, Asthor Decoración, B Besito, Celme, Como pez en el agua, Core Surfing, Dandara, El armario de Azara, El Vestidor de Alicia, Ela Diz, ElTallerdeFer, Equisol, Floristería Embora, Hilar Fino, La Banqueta, La Gustosa, La Reina de Saba, La Tienda de Julia, Leiría, Lencería Conchi, Locapormí, Lunares en Mayo, Matrioska, Mequiña, Mokasu Abalorios, My Food Shop, Na Lúa, Nobel Vinte, Núa, Os Contos de Trapo, Patucos & Co, Pecados de Compostela, Queroté, Salón de Té Dulce Victoria, Simplemente Luna, Sr. Nilsson, Sueños Caseros, Tenda Globus 3d, Xearte Brigitte, The Perfect Shoe Santiago, Trigonella, Vestitu e Vide Vide! serán os comercios que integrarán a iniciativa na súa 3ª edición, presentando e vendendo as súas novas coleccións para esta tempada primavera-verán.
Durante o día, a gañadora do cheque-agasallo de 200 €, froito da acción promovida durante o mes de abril pola Concellaría de Comercio entre os clientes que realizaron compras nos establecementos integrantes da iniciativa, poderá escoller as prendas e produtos que desexe de entre os ofrecidos polas tendas presentes na xornada. Mª del Mar Suárez Sánchez foi a persoa gañadora do sorteo realizado o mércores día 6 de maio ante notario, no que resultou premiada a rifa pertencente a súa compra, realizada o pasado mes en Patucos & Co, comercio infantil situado no barrio de Conxo. A concelleira de Comercio, Reyes Leis, entregoulle o cheque nun acto celebrado no salón vermello de Raxoi.
A xornada Estrea Estilo estará dinamizada polo concerto da banda freakbeat Fogbound (13:30 horas) e tamén polo grupo de rock&roll/rockabilly Rockin’Gina (19:30 horas), ademais de por sesións de karaoke para os visitantes, gardería-ludoteca e inchable para os cativos, obradoiros de coroas florais e sesión de beleza para aqueles que efectúen compras durante a xornada, DJ, degustacións de balde, sorteos de produtos patrocinados polos comercios participantes, etc.
Ademais, entres ás 11:30 e as 20:00 horas, un tren lanzadeira circulará pola cidade para desprazar de balde a todos os visitantes, seguindo os seguintes horarios:
– 11:30-12:30-13:30-14:30 h (Saídas dende a Praza de Galicia ata o Pazo de San Lourenzo)
– 16:30-17:30-18:30-19:30 h (Saídas dende a Praza de Galicia ata o Pazo de San Lourenzo)
– 12:00-13:00-14:00-15:00 h (Saídas dende o Pazo de San Lourenzo ata a Praza de Galicia)
– 17:00-18:00-19:00-20:00 h (Saídas dende o Pazo de San Lourenzo ata a Praza de Galicia)
(Servizo segundo aforo e dispoñibilidade)