04/05/2023 Tras a cancelación da programación prevista para o xoves 4 por mor da choiva, a cuarta edición da festa do comercio local Prima 23 desenvolverase finalmente mañá venres 5 e o sábado 6 de maio nos barrios máis comerciais da cidade: a Zona Vella, Ensanche, San Pedro, Concheiros, As Fontiñas e Conxo. Debido á previsión metereolóxica para estes días, o programa de actividades poderá sufrir algunhas modificacións.Composteláns e visitantes poderán gozar durante estas dúas xornadas da Prima 23 dunha extensa oferta de concertos, danza, pasarrúas, foliadas e obradoiros. Algunha destas actividades tivo que ser cancelada ou poderá sufrir cambios no caso de que o tempo non acompañe:
Venres, 5 de maio
– 19 h: o pasarrúas de “Charanga BCB” pasará a ter unha localización fixa na praza de Mazarelos no caso de que chova.
– 20 h: o concerto de Pantis terá lugar na carpa da praza de Mazarelos.
Sábado, 6 de maio
– 10-14 h e 16-20 h: cancélanse os obradoiros de artesanía de acibeche e ourivería, impartidos polos mestres artesáns Ourives de Compostela.
– 12:00 h: o pasarrúas da “Fanfarra Bizarra” pasará a ter unha localización fixa na praza de Mazarelos no caso de que chova.
– 12:00 h: cancélase a animación musical de “The Turre’s Band”.
O resto das actividades do programa manteñen a súa previsión inicial. Ademais, durante as dúas xornadas, os comercios locais poderán expoñer os seus produtos e servizos nas beirarrúas sen necesidade de solicitar un permiso específico.
O sábado instalarase na praza Roxa a ruleta de agasallos ‘Eu Merco Aquí – Prima 23’ con 6.000 euros en agasallos directos, na que poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten un tícket de compra do comercio de Santiago de importe igual ou superior a 5 euros, realizada entre o 1 e o 6 de maio de 2023. Os termos para participar na ruleta estarán expostos ao público no mesmo espazo e tamén na páxina web do Departamento de Comercio, comerciolocalsantiago.gal.
Este ano, dentro da programación, inclúese, ademais, unha homenaxe a todos aqueles comercios da cidade que fixesen 50 anos.
A iniciativa “Prima 23. A festa do comercio local”, impulsada polo Departamento de Comercio do Concello de Santiago, pretende dinamizar o consumo na cidade á vez que se lle dá un cariz lúdico e festivo con actividades para todos os públicos, en liña coa aposta do Connello polo comercio local e de proximidade. Esta é a cuarta edición dunha festa que, nas tres pasadas edicións, conseguiu mobilizar e dinamizar as compras, con moi boas impresións por parte de cidadanía e comerciantes.
#Eu merco aquí
A maiores, no marco da festa Prima 23, o Concello distribuirá 30.000 bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Para contar con este agasallo, os establecementos interesados poden dirixirse a calquera delas: CCA Comercio Punto Compostela, CCA Santiago Centro, CCA Compostela Monumental, Asociación Em Rede, Ourives de Compostela, Asociación de Comerciantes de Área Central e Asociación de comerciantes do Barrio de San Pedro.
Partindo da idea de que cómpre un esforzo conxunto para que o comercio aflore, o Concello propón aos comerciantes que, con total liberdade creativa, adorne o seu negocio tanto no escaparate como na fachada.
Aquí pódese consultar o programa actualizada da Prima 23 coas localizacións de cada actividade e artistas.
Cortes de tráfico
Con motivo do desenvolvemento das actividades do Prima 23 na rúa, os vindeiros 5 e 6 de maio produciranse restricións na circulación de vehículos nas seguintes vías: nas rúas Xeneral Pardiñas e Alfredo Brañas, xoves e o venres de 17:45 a 19:00, e na rúa Xeneral Pardiñas o sábado, 6 de maio, de 11:45 a 13:00.