20/02/2025 O Concello de Santiago, a través da concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, colabora coa campaña “Rosalía Conxense”, impulsada pola asociación veciñal Raigame e as asociacións de comerciantes Santiago Punto Compostela e Em-Rede para celebrar á escritora. A concelleira María Rozas participou hoxe na presentación das actividades, que recordan que Rosalía de Castro naceu no que hoxe é a Praza de Vigo, no antigo concello de Conxo.
María Rozas puxo en valor que “a veciñanza e o tecido comercial se impliquen na celebración do Día de Rosalía, demostrando que esta é unha figura da que todas nos sentimos orgullosas e na que todas nos sentimos representadas”. A concelleira explicou que desde o departamento de Comercio colabórase na campaña a través do reparto de carteis e marcapáxinas “que tamén reivindican a Rosalía feminista, transgresora e cunha enorme consciencia social”. Ademais, apuntou que a campaña “Rosalía Conxense” recorda que neste 2025 celebramos o centenario da anexión do antigo Concello de Conxo ao Concello de Santiago.
Na presentación da campaña participaron representantes da asociación veciñal Raigame, co seu presidente Xosé Manuel Durán á cabeza; e Vanesa Alvite, de Santiago Punto Compostela, en representación do tecido comercial.
Durán aproveitou a comparecencia para invitar á veciñanza a participar no acto de lembranza a Rosalía que se celebrará mañá, a partir das 10 da mañá, na Praza de Vigo, coa participación do alumnado dos colexios San Xosé de Cluny e Quiroga Palacios.