10/02/2023 A concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o concelleiro de Mobilidade, Barrios e Obras, Gonzalo Muíños, reuníronse hoxe cunha representación do colectivo de veciños e comerciantes Barrio Xardín para ultimar os preparativos do “II Mercado das Flores”, que se vai celebrar o próximo 27 de maio.Neste mercado está previsto que participen profesionais e artesáns de flores e hortas, que achegarán ás persoas asistentes os seus produtos; profesionais e proxectos que a través de distintas técnicas recreen o mundo floral: pintura, confección, madeira, papel, lás, etc; organizacións sen ánimo de lucro; puntos de venda de comida sá e quilómetro cero, etc.. O mercado tamén contará con obradoiros, música e xogos para todas as idades, o que fará máis atractivo este encontro.
Lola Puertas e Sabela Carreño, en representación do colectivo de veciños e comerciantes Barrio Xardín, solicitaron ao Concello de Santiago os permisos de ocupación de parte da Praza da Constitución, que parte da rúa Irmáns Alvite fose peonil; así como algún mobiliario, carpas e puntos de luz. Unhas demandas ás que o Concello de Santiago vai responder xeito positivo, co obxecto de que esta segunda edición do “Mercado das flores”, sexa un éxito e contribúa, aínda máis, á dinamización do barrio.