14/03/2025 A Praza de Abastos de Santiago debe xogar un rol esencial para garantir o acceso a alimentos frescos e saudables, no fortalecemento da economía local, e en facer efectivo o dereito á alimentación. Díxoo o xefe do equipo de dereito á alimentación da FAO, a organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, despois de visitar o mercado na compañía do concelleiro de Mercados, Xan Duro e da xerenta da Praza, Marta Rey. No percorrido tamén participaron Ruth Varela, investigadora do CISPAC, e Valeria Pasarín, do equipo da FAO en Galicia.
O xefe do equipo de dereito á alimentación da FAO, Juan Echanove, salientou “o valor cultural, patrimonial e mesmo económico da Praza de Abastos, que tén o potencial de ser o dinamizador doutra maneira de entender o valor dos alimentos”. Echanove insistiu en que “hai que preservar o dereito a ter unha alimentación de calidade, con independencia do poder adquisitivo das familias, e con este mercado Santiago ten a posibilidade de converterse en referente neste sentido”. Tamén salientou a calidade dos produtos á venda na Praza de Abastos “que demostra que é posible acadar o balance entre tradición e modernidade, e que hai outra maneira de facer as cousas”. Para o representante da FAO, “é preciso impulsar políticas que revertan as tendencias actuais de consumo, con datos tan preocupantes como que o 40% dos produtos consumidos no Estado sexan alimentos ultraprocesados”. Juan Echanove indicou que, ademais de defender o papel dos mercados de abastos, “é preciso actuar tamén no ámbito da producción, porque hai demanda destes produtos ecolóxicos e de proximidade pero non hai oferta suficiente”.
Xan Duro agradeceulle a Juan Echanove a súa visita e a súa participación no acto previsto para esta tarde, no que se presentará o informe sobre a Praza de Abastos elaborado polo CISPAC. O concelleiro explicou que o obxectivo do Concello segue sendo “potenciar e preservar o valor da Praza no que tén que ver co dereito á alimentación, pero tamén en relación ao seu valor cultural e mesmo sentimental”, e recoñeceu a satisfacción pola man tendida da FAO de cara a lograr este obxectivo.
Encontro coa alcaldesa
Despois de visitar a Praza de Abastos, o xefe do equipo de dereito á alimentación da FAO achegouse ao Pazo de Raxoi, onde mantivo un encontro coa alcaldesa, Goretti Sanmartín, e con representantes de todos os grupos municipais.
Esta tarde, Echanove participará na presentación do informe elaborado polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais sobre o futuro da Praza de Abastos. Ruth Varela e David Soto, investigadores do CISPAC, serán os encargados de dar a coñecer o estudo, nun acto que comezará ás 18:30 na Casa das Máquinas. Ademais, celebraráse unha mesa redonda sobre o dereito á alimentación e a gobernanza alimentaria na que intervirán a profesora da USC Amparo Novo; Conchi do Campo, do Sindicato Labrego Galego, Juan Soriano de Entrelampo, e Rocío García Carregal, de SlowFood Compostela.
O Concello e CISPAC colaboran nun estudo para reforzar o papel da Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade
07/011/2024 O Concello de Santiago segue traballando co obxectivo de revitalizar a Praza de Abastos, e vén de convocar aos praceiros e praceiras a unhas xornadas de traballo que se centrarán no papel do mercado como centro de alimentación de proximidade. Trátase dunha iniciativa que a concellaría de Mercados, que dirixe Xan Duro, desenvolve en colaboración co CISPAC, o Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais do que fan parte as universidades de Santiago e A Coruña.
O Concello de Santiago quere garantir a identidade da Praza de Abastos e que siga sendo referente na venda do produto fresco e de proximidade, compatibilizando iso coa súa modernización para chegar a nova clientela e garantir o relevo xeracional. Con ese obxectivo, estableceuse unha liña de colaboración co CISPAC, que elaborará un informe sobre o papel do mercado como centro de alimentación de proximidade e sobre o contexto produtivo da contorna de Compostela. Na elaboración dese estudo, que debe ser base para reforzar a conexión dos produtores e produtoras coa Praza de Abastos, estarán implicados os praceiros e praceiras, “porque entendemos que a súa participación activa é imprescindible para pensar colectivamente o modelo do mercado para o futuro, identificar os seus problemas e poñer en valor as súas potencialidades”, tal e como explicou o concelleiro Xan Duro.
Este traballo en colaboración co CISPAC comezará a próxima semana, cunha primeira xuntanza aberta aos praceiros e praceiras, o 14 de novembro. Posteriormente, desenvolveránse reunións de traballo sectoriais con investigadores e investigadoras do Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais.
Do resultado destas xornadas e do traballo do CISPAC iráse dando conta na mesa de traballo da Praza de Abastos, constituida por dez representantes das diferentes naves do mercado, un representante da Unión de Consumidores de Galicia, outro do sector hostaleiro, e outra das entidades veciñais. Ademais, participan diferentes técnicos municipais e o propio concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro.