O Mercado de Abastos acolle as probas de preselección do XVI Santiago(é)Tapas
17/01/2025 A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, acudiron esta mañá á Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, onde se están a celebrar desde o pasado martes as probas de preseleción das tapas do XVI Santiago(é)Tapas, que terá lugar do 13 de febreiro ao 2 de marzo. Alí puideron ver como presentaba as súas propostas Jorge Gago, de A Maceta e O Testo, dous dos locais de hostalaría que participarán nesta edición do concurso.
Tamén asistiron representantes doutras entidades e empresas colaboradoras do concurso como o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte; a xerente da Praza de Abastos, Marta Rey; Guillermo Fernández, de Hijos de Rivera; Bruno Hermida, de Cafés Dromedario; Alberto García, de Ponte da Boga; e Nuria Colmenero, da asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA). Ademais, tamén asistiron os profesores do CIFP Compostela, Xosé Quintáns e Gonzalo Salgueiros, encargados da preselección das tapas.
Miriam Louzao destacou que este ano o concurso volve a celebrarse na segunda quincena de febreiro, logo dos bos resultados que se obtiveron o ano pasado. Segundo dixo a concelleira, “continuamos coa nosa aposta clara pola desestacionalización, co obxectivo de dinamizar o sector no mes de menor movemento na cidade”.
Na edición deste ano inscribíronse 43 locais, tres máis dos que participaron o ano do 2024. Este aumento de participación consolida febreiro como un mes axeitado para o sector ao tempo que se procura fomentar a desestacionalización en tempada baixa.
Entre os establecementos participantes atópanse moitos dos xa habituais do concurso, xunto a outros novos que se presentan por primeira vez para darse a coñecer e demostrar a calidade da oferta hostaleira da cidade.
Produto galego de proximidade
Nesta edición, o concurso fai unha aposta aínda máis decidida polo produto galego de proximidade. E precisamente por este motivo, o Mercado de Abastos de Santiago adquire un protagonismo especial, reforzándose como colaborador e acollendo por primeira vez a proba de preselección das tapas.
O XVI Santiago(é)Tapas, que se celebrará do 13 de febreiro ao 2 de marzo, volve a contar un ano máis como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Repetirán tamén como empresas e entidades colaboradoras, ademais do Mercado de Abastos; Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia) e Utimaq.
Ademais, cómpre destacar o compromiso de AGACAL, que se consolida como un dos principais puntais do concurso, polas súas achegas de agasallos de produtos galegos de calidade contrastada (DOP, IXP e produtos ecolóxicos) e de Experiencias de Calidade, tanto para os locais como para o público participantes.
Toda a información está dispoñible na páxina web santiagoetapas.gal
Enlaces relacionados
14/01/2025
A XVI edición de SANTIAGO(é)TAPAS xa ten data!
Do 13 de febreiro ao 2 de marzo poderemos degustar as exquisitas tapas que propoñen desde a hostalería compostelá.Non volo perdades!
07/01/2025
ÚLTIMOS 2 DÍAS para inscribirse no noso concurso
Recorda que cada local pode presentar un máximo de dúas tapas, podendo aumentar a tres no caso de ser unha tapa vegana ou vexetariana.
Establécense catro modalidades:
TAPA TRADICIONAL
TAPA CREATIVA
TAPA DOCE
TAPA SEN GLUTE
Inscricións en santiagoetapas.gal ata o 8 de xaneiro.
Aberto o prazo de inscrición dos locais desde o 4 de novembro ata o 8 de xaneiro de 2025
Comeza o período de inscrición para o XVI Santiago(é)Tapas que terá lugar do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025
Inscrición dos locais ata o 8 xaneiro de 2025
Este ano, como novidade, creamos un formulario online para facilitar a inscrición.
Cúbreo na nosa web santiagoetapas.gal
Tamén podes consultar na nosa web as bases do concurso.
+infohttps://i.gal/K7Bdg
santiagoetapas.gal
La Morena gaña o premio á mellor tapa creativa de Santiago(é)Tapas con “Crocante de abelá e praliné de maracuyá”
24/10/2024 Os locais de hostalaría que queiran participar no concurso poderán inscribirse desde o 4 de novembro a través da páxina web santiagoetapas.galO concurso Santiago(é)Tapas desenvolverase por segundo ano consecutivo no mes de febreiro, tralo éxito acadado na pasada edición cando se decidiu mudar de data despois de varias edicións tendo lugar en novembro. Así, o certame que organiza Turismo de Santiago, celebrarase do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025.
Os establecementos hostaleiros da cidade teñen agora en novembro unha actividade moito máis forte da que tiñan hai uns anos, polo que o Concello de Santiago entendeu, en consenso co sector, que era moito máis acaído cambiar o concurso a unha época de tempada baixa, co obxectivo de seguir fomentando a desestacionalización.
O número de tapas consumidas (preto de 25.000) na pasada edición, e primeira que se celebrou en febreiro, viñeron a corroborar o acerto deste cambio. Este dato é moi relevante por producirse nun mes moi complexo para o sector e, ademais, porque o 40% do consumo foi de persoas que non residen en Compostela.
Prazo de inscrición
O vindeiro 4 novembro comezará o período de inscrición para o XVI Santiago(é)Tapas. Os establecementos de hostalaría interesados en participar disporán ata o 8 de xaneiro de 2025 para poder inscribirse, contando así con dous meses para pensar con calma as súas propostas.
Tanto as bases do concurso como a folla de inscrición estarán á súa disposición na páxina web santiagoetapas.gal.
Poderán participar no concurso todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.