O Ensanche celebra as festas da Ascensión con propostas lúdicas e comerciais

José María Fernández, Marta Lois e Xosé Manuel Durán

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá algunhas das actividades que o tecido comercial do Ensanche ten preparado para as festas da Ascensión, que se celebran na nosa cidade do 24 ao 28 de maio. Na rolda estivo acompañada de José María Fernández, presidente de Santiago Centro, e de Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos.

Marta Lois fixo fincapé na importancia de que “o tecido comercial da nosa cidade sexa quen de propoñer actividades que se complementen coas festas e aproveiten as súa sinerxias”. A concelleira convidou a todos os veciños e veciñas a que “merquen no comercio local e de proximidade, onde podemos atopar produtos de primeira calidade e seremos atendidos ademais cos mellores dos sorrisos”.

José María Fernández, Marta Lois e Xosé Manuel Durán.

Así, o Ensanche prepara unha serie de actividades que irán dende o 19 de maio ata o 20 de xuño. En total desenvolverán cinco accións, das cales tres coincidirán coas festas da Ascensión. O venres 19 de maio, na rúa Xeneral Pardiñas, celebrarase o desfile Moda a Pé de rúa, no que participan varios establecementos do Ensanche e nos que haberá calzado, complementos, coidado persoal, tecnoloxía e moitas cousas máis.

III Festa do Comercio

O Ensanche prepara para o sábado 27 de maio a terceira edición da Festa do Comercio, onde os establecementos sairán á rúa con propostas lúdicas e de animación. A maiores, do 20 ao 28 de maio agasallaranos coa Ruta EcoGastro 2017. Promovida en colaboración coa Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, trátase dunha ruta de tapas realizadas con alimentos ecolóxicos certificados, en establecementos hostaleiros do Ensanche.

Os locais participantes ofrecerán tapas, racións e pratos a un prezo orientativo de 3, 9 e 12 €, respectivamente. Os clientes e clientas participarán, ademais, no sorteo de descontos no Mercado Compostela Eco a través de boletos de premio directo.

Do 25 ao 28 de maio, na praza Roxa é a vez de Compostela Eco 2017, un mercado de alimentación ecolóxica certificada, convocado conxuntamente pola Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA), e a Fundación Santiago Centro. Exposición comercial cuns vinte expositores de produtores de proximidade, tendas, elaboradores, transformadores e envasadores. Contará ademais con actividades de divulgación sobre os beneficios de adquirir este tipo de produtos.

Finalmente, xa do 1 ao 20 de xuño, a praza Roxa será tamén o epicentro do mercado de artesanía Compostela Art 2017, que terá lugar nun pavillón modular situado no corazón da praza.

Entradas relacionadas